A cambio de 557.000 euros (case 100 millóns de pesetas) , nun momento de crise, adxudica a unha empresa privada este contrato, que contempla unha actividade que pon en perigo os postos de traballo de moitos empregados públicos e entrega á mesma unha información estratéxica acerca dos seus obxectivos, dotacións económicas, dispoñibilidades orzamentarias e políticas de racionalización do gasto.

Finalmente entrega unha información tan vulnerable e unha competencia tan central para os seus obxectivos como é a xestión dos procesos de oposicións (inscrición, oposición e provisión das prazas), en definitiva toda a selección do persoal.

Para esta Plataforma este novo e suculento contrato supón na práctica a "baltarización" da política de contratación do persoal da Sanidade Pública Galega. O prego ao que tivo acceso SOS Sanidade Pública contempla a entrega a unha empresa privada as seguintes competencias da administración pública:

1.- Xestión económica:

  • Sistema de tramitación orzamentaria.
  • Xestión de pagos en unidades administrativa (servizos centrais, direccións e delegacións provinciais).
  • Xestión de Subministracións e Unidades de Consumo


2.- Recursos humanos:

  • Aplicación para a xestión dos procesos de oposicións (inscrición, oposición e provisión)


A pesares da habitual dificultade para entender a linguaxe administrativa, o que antecede está moi claro: Trátase de liquidar unha importantísima parte da administración pública e facilitar a penetración do sector empresarial privado nunha das áreas máis sensibles da xestión administrativa do sistema sanitario público. Os cidadáns entenderán perfectamente que iso supón amputar a capacidade operativa do sistema e a súa sustentabilidade económica futura.

Ademais disto, en tempos de crise e de austeridade, incrementa en máis de medio millón de euros, nun novo exercicio de desconfianza nos seus propios empregados públicos, un gasto sen xustificación obxectiva algunha.

A carga de traballo que se subtrae ao público e que se transfire á empresa privada é o primeiro paso para poder despedir, sen provocar unha catástrofe administrativa, a un gran número de persoal altamente cualificado, seguindo as estratexias do Primeiro Ministro do Reino Unido que tanto admira o Sr Rajoy.

No que se refire á selección do persoal supón unha gravísima entrega de información confidencial dos miles de aspirantes ao emprego público do SERGAS de todas as Categorías, e a vulneración dos criterios de igualdade, mérito e capacidade que a Constitución e as Leis Galegas protexen.