Máis que CIG-Autonómica

A CIG-Autonómica reclamou o cumprimento da legalidade por parte da Xunta a respecto do uso do galego, tanto nas comunicacións internas como no contacto coa cidadanía. Nestes senso, criticouse que o goberno do PP teña recuado “de golpe 27 anos”, instalándose nun “bilingüismo preautonómico” moi lonxe da norma de Fraga ou Albor. Dende a CIG-Autonómica instouse á Xunta que cese nos ataques indiscriminados á nosa lingua e defenda o dereito de toda a cidadanía deste País a vivir en galego.

A páxina web da CIG xa está dispoñíbel para todas as empregadas e empregados públicos dende a intranet corporativa da Administración Galega, onde poderás consultar novidades e eventos, descargar arquivos e resolver dúbidas.

A día de hoxe, a maioría dos/as empregados/as públicos da Xunta de Galiza teñen acceso somentes ao intranet corporativo, non a internet, polo que so poden aceder a aqueles webs explicitamente autorizados polos responsábeis políticos da nosa administración. Agora, ao recibir o noso web autorización expresa, todo o persoal terá acceso ao web da CIG, tanto dende internet como dende a intranet.

É necesario lembrar que as cotas satisfeitas aos sindicatos séguense a considerar como gasto deducible dos rendementos do traballo na campaña da Renda 2008. Para eximir esta cantidade do pagamento do imposto do IRPF, chega con facer constar no recadro 011 (cotas satisfeitas a sindicatos), a cantidade total que se pagou ao sindicato durante o ano pasado. No caso da CIG, e para persoas traballadoras, esta cantidade sería de 131,85€ se se leva na afiliación todo o ano, senón a parte proporcional. Non é necesario pedir ningún xustificante nos locais sindicais das comarcas ou na entidade bancaria onde se teña domiciliado o pagamento. Se pagas a cota sindical a través da retención na nómina, esta cantidade xa aparece consignada pola Axencia Tributaria no dito recadro do borrador.

Primeiro de Maio: pola defensa do emprego, os dereitos e as prestacións sociais

A CIG vai desenvolver o vindeiro 1 de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, unha campaña de manifestacións por todo o País, continuando as mobilizacións que nos últimos meses a central veu desenvolvendo para reclamar que a crise a pague o capital. Este ano o lema das manifestacións será “Emprego, Dereitos e Prestacións Sociais” reivindicacións históricas que cobran especial importancia nestes tempos de crise non só económica, senón tamén de sistema.

A intensidade coa que se está a desenvolver a crise do capitalismo, está provocando de xeito acelerado a destrución de miles de emprego en Galiza. As empresas aproveitan a  caída da actividade para impoñer despedimentos baratos do persoal con contratos fixos por  medio de ERE. Non debemos esquecer as cifras do paro dos últimos meses, que superan xa os 200.000 desempregados/as no País, a falla de cobertura das prestacións sociais, a presentación diaria de expedientes de regulación ou a paralización interesada da negociación dos convenios colectivos por parte da patronal.

Mentres a CEOE e institucións públicas como o Banco de España reclaman reformas estruturais na lexislación laboral destinadas a recortar os dereitos dos traballadores/as, a  diminución do poder adquisitivo e recortes nas coberturas e prestacións sociais. A clase traballadora ten que achegar unha resposta contundente que obrigue a tomar medidas extraordinarias de alcance político.

Medidas do goberno: na liña de sempre

Pero cales son as respostas do Goberno á crise? As medidas recollidas no Real Decreto van polo camiño habitual: favorecer ao capital. A novidade máis salientábel das propostas do executivo de Zapatero atópase nunha curiosa fórmula para incentivar a contratación: que o traballador/a cubra os gastos á seguridade social coas prestacións ou subsidios. Segundo se recolle na medida até ao 31 de decembro de 2009, a contratación indefinida de traballadores/as desempregados/as beneficiarios de prestacións ou subsidios por desemprego ou da renda activa de inserción (RAI) vai dar dereito á bonificación de 100% da cota empresarial á Seguranza Social.

Deste xeito estase creando unha clara discriminación entre aqueles traballadores/as que gozan de prestacións e os que xa as esgotaron ou non xeraron dereito a recibir subsidio.

“Estamos ante a medida máis desafortunada das incluídas no Real Decreto-Lei, pois lanza os desempregados a unha competición desigual polo emprego, na cal serán máis «atractivos» para as empresas os traballadores cunha prestación pendente máis elevada (que permiten bonificar unha maior cota, reducindo o seu custo salarial) fronte a aqueles que teñen menor prestación pendente ou non son perceptores de prestación ningunha”, explica o avogado da CIG, Héctor López, nun informe.

Reivindicacións máis necesarias

Dende a CIG, o vindeiro Primeiro de Maio continuarase a reclamar a reactivación da economía coa creación dunha banca Pública, tamén en Galiza, que non permita o estrangulamento do sistema produtivo; a protección dos desempregados/as e daqueles/as que xa non teñen ingresos por medio dun salario de reinserción laboral; unha fiscalidade progresiva na que paguen máis os máis ricos, ampliar os sistemas de protección social básicos (saúde, pensións, atención a situacións de dependencia e discriminación, etc, ); o desenvolvemento de infraestruturas e actividades económicas que se baseen  na protección do medio ambiente e potenciar a soberanía alimentar..., é dicir, avanzar cara a un novo modelo económico e social, que comprometa a soberanía do pobo galego e o socialismo do século XXI.

Sobran as razóns para participar o vindeiro 1 de Maio nas manifestación convocadas pola CIG en todo o País.

MANIFESTACIÓNS PREVISTAS NAS DISTINTAS COMARCAS

  • VIGO: ás 12:00 con saída dende a Doblada.
  • A CORUÑA: ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo.
  • COMPOSTELA: ás 12:30 horas dende a Praza Roxa.
  • FERROL: ás 12:00 horas con saída na Avenida do Esteiro.
  • A MARIÑA: ás 12:30 horas dende a Praza do Conde de Fontao (FOZ).
  • LUGO: ás 12:00 horas dende a Ronda da Muralla
  • OURENSE: ás 12:00 horas dende o Pavillón dos Remedios.
  • PONTEVEDRA: ás 12:00 horas dende a Praza da Ferrería.

O Consello Confederal da CIG acordou, con data 24 de Novembro de 2008, convocar o 5º Congreso da Confederación Intersindical Galega para os días 20 e 21 de Xuño do 2009, a celebrar na cidade de Compostela. Este congreso compoñerase de 500 congresistas de elección directa por afiliados e afiliadas, máis os membros do Consello Confederal e os da Comisión de Garantías. Os/as congresistas deberán estar todos electos con data 08/05/2009 inclusive.

En defensa do emprego e as prestación sociais” será o lema baixo o que a CIG vai desenvolver este ano a campaña do Día da Clase Obreira Galega. O vindeiro 10 de marzo a central convoca aos traballadores e traballadoras a participar nas concentración e manifestacións organizadas en cada unha das comarcas na defensa dos postos de traballo. Ademais, o 11 de Marzo farase entrega en Compostela do premio co que a central quere recoñecer publicamente aquela loita dos traballadores e traballadoras que sobresaíra durante o ano anterior polas súas características e por servir de exemplo para o futuro.

Como cada ano, a CIG ten organizadas mobilizacións para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega, reivindicar melloras para os traballadores e traballadoras e lembrar os feitos que marcaron aquel histórico ano 1972. A central viña organizando habitualmente mobilizacións nas cidades de Ferrol e Vigo, aínda que, nesta ocasión, dada a gravidade da crise económica, a CIG decidiu ampliar os actos a todas as comarcas.

O prazo para reservar praza nas residencias de tempo libre dependentes de Vicepresidencia para o 2009 (Panxón e o Carballiño) xa está aberto. Aínda que non está determinado o número reservadas que lle corresponden á CIG, as familias interesadas en participar xa poden enviar a solicitude de reserva.

O formulario de solicitude terá que ir acompañado dunha fotocopia do D.I. e deberase remitir ao correo electrónico da Secretaría de Servizos e afiliación (servizoseafiliacion@galizacig.net). A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar dispón de dous centros destinados ao ocio e o lecer das familias, as residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño.

Á hora de enviar a solicitude hai que ter en conta que:

  1. Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que participasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.
  2. Cando se piden os cuartos hai que lembrar que os rapaces e rapaces maiores de 13 anos non poden estar no mesmo cuarto que os pais.

As solicitudes hanse remitir á Secretaría de Servizos e Afiliación

Para máis información chamar ao 981 169 293.

Convocatoria do DOG.

Esquizofrenia é unha palabra de orixe grega, schizo significa división ou escisión e phrenos mente. Esta doenza crónica caracterízase por unha mutación da conciencia da realidade e unha desorganización neuropsicolóxica, o que dificulta o mantemento de condutas motivadas e dirixidas a metas, e produce unha disfunción social.

As persoas que padecen esquizofrenia mostran, na maioría dos casos, un pensamento desorganizado con brotes de delirio e alucinacións. Ademais, presentan dificultades para elaborar novas ideas.

En base a esta definición, podemos afirmar de modo categórico, que as persoas que participaron na manifestación de “Galicia bilingüe” do pasado 8 de febreiro, padecen esquizofrenia aguda.

Debido a súa doenza ven persecución do español onde non existe e inventan unha realidade paralela onde todas as canles de televisión falan en galego, todos os xornais están en galego, todo o profesorado imparte aulas en galego... Confunden, en definitiva, agresor con agredido.

Coincidindo coa votación na Cámara galega dos Orzamentos 2009, 500 delegados e delegadas da CIG amosaron o seu rexeitamento ao documento cunha concentración celebrada diante do Parlamento de Galiza na mañá do 17 de decembro. Os delegados e delegadas portaban unha faixa reivindicativa de 60 metros de longo na que se podía ler “Por uns orzamentos anticrise, máis investimento social e produtivo” e “Por que o parlamento non debate a ILP?”.

O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, manifestou o “noso máis profundo desacordo” cos Orzamentos 2009 que “distan moito de ser os acaídos para dar resposta nestes momentos a nosa realidade económica e social” e afrontar a situación de recesión que vai afectar de xeito moi negativo ás condicións de vida da clase obreira galega.