Máis que CIG-Autonómica

Atención: os actos do día da Patria están a ser desconvocados, incluidas as manifestacións, polo accidente de tren que ocorreu o día 24 en Compostela con numerosos falecidos/as e feridos/as. Dende a CIG-Autonómica, transmitimos o noso pésame ás familias e amigos/as das persoas afectadas.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) chama un ano máis a toda a súa afiliación e simpatizantes a participar nas mobilizacións convocadas polas distintas organizacións nacionalistas o vindeiro 25 de xullo en Santiago de Compostela para conmemorar a celebración do Día da Patria Galega. A central anima tamén a súa militancia a apoiar coa súa presenza todos actos que se organizan ao longo do país nestas datas para reivindicar a soberanía nacional, a xustiza social e a solidariedade.

A CIG considera que o actual marco xurídico é insuficiente para garantir os dereitos nacionais de Galiza, sobre todo nas materias que máis nos afectan como clase traballadora.

No actual contexto de crise do sistema capitalista neoliberal, a mobilización para reivindicar un autogoberno sustentado na autodeterminación e na soberanía nacional cobra aínda máis importancia de cara á mellor defensa dos intereses da clase obreira galega.

Na nosa central entendemos que este ano a participación é máis necesaria que nunca para amosar o rexeitamento da clase traballadora galega ás políticas que está a aplicar a dereita española no noso país que abocan a milleiros de mozos e mozas á emigración.

Estase a producir tamén unha perda constante de dereitos laborais, baixadas de salarios e aumentos de xornada, ao tempo que se desmantelan os nosos principais sectores produtivos como sucede na actualidade co naval, unha industria fundamental nas comarcas de Vigo e Ferrol e estratéxica para o conxunto do país.

Diante disto, animamos a toda a afiliación a apoiar coa súa presenza as mobilizacións e os distintos actos que se convoquen ao longo do país no contexto do Día da Patria Galega para reivindicar a soberanía nacional, a xustiza social e a solidariedade.

Por unha Galiza ceibe e sen explotación!

A CIG gaña unha sentencia definitiva no Xulgado Central Contencioso Administrativo que anula a orde do INSS de pagar aos inspectores médicos por reducir os tempos de baixas dos traballadores e traballadoras. En marzo do 2011 o INSS creou un complemento de produtividade para os inspectores médicos en función das altas que promovían; cantas máis altas, máis cobraban.

Esta decisión atentaba contra a saúde dos traballadores e traballadoras e provocaba que moitas persoas sen estar curadas fosen dadas de alta para o traballo, perxudicando a súa curación e a súa saúde. Medidas como estas demostran que este goberno só actua en función das reclamacións da patronal despreciando os nosos dereitos e a nosa saúde.

Unha maré humana –arredor de 120.000 persoas, segundo os cálculos das organizacións sindicais- recorrían esta maña as rúas de Ferrol, nunha das manifestacións máis multitudinarias que se lembran na comarca nos últimos tempos. A reivindicación: solucións urxentes que poñan freo á sangría de destrución de emprego, de desmantelamento dos sectores produtivos básicos, de recorte de servizos públicos, do despoboamento imparábel que sufre Ferrolterra. Demandas plasmadas no marco da convocatoria dunha exitosa xornada de Folga Xeral, que tivo un seguimento de practicamente o 100% na maioría dos sectores e paralizou a toda a comarca.

As comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal viviron este mércores unha xornada de Folga Xeral que ten paralizada a actividade industrial e os servizos, e conta cun amplísimo seguimento nas distintas áreas da administración pública. Unha xornada que transcorre con total normalidade, tal e como destacaron dende a CIG de Ferrol, e é expresión de dignidade, porque digno é defender o dereito a traballar e vivir na nosa terra, porque digno é defender o futuro dos nosos fillos e fillas.

Este mércores 12 de xuño, na defensa do emprego e a exixencia de medidas que garantan a supervivencia e recuperación dos nosos sectores produtivos

A CIG ten convocadas este mércores, 12 de xuño, mobilizacións en Vigo, Compostela, Pontevedra, Ribeira e Ferrol para denunciar a grave situación de desemprego que padecen estas comarcas e as nefastas políticas que está a impor o Partido Popular e a Xunta de Galiza.

En Vigo, a manifestación terá lugar ás 20:00 horas, con saída da Vía Norte, baixo o lema “Contra o saqueo e o empobrecemento. Polo emprego na nosa comarca. Por unha industria con futuro”. Tanto a cidade como a súa comarca padecen un desemprego galopante e de feito, nos últimos catro anos o número de persoas desempregadas medou un 24,1%, pasando de 38.750 en novembro de 2009 a 49.741 na actualidade. Unhas cifras que superarían as 80.000 persoas se se lle suman os mozos e mozas que tiveron que emigrar ou os parados e paradas que desenvolven accións formativas.

En Compostela está convocada para as 20:00 horas, con saída da Praza Roxa. Nesta comarca a CIG tamén convoca manifestación en Ribeira, con saída ás 20:30 horas da Praza do Peixe. O desemprego tamén é a principal preocupación e é que a cidade de Santiago sitúase tan só por detrás de Ferrol en taxa de paro, cun 27% segundo os últimos datos da EPA. O mesmo ocorre en Ribeira, onde está en xogo a industria da conserva, motor económico da zona.

En Pontevedra, haberá unha mobilización de delegados/as ás 12:00 horas na Praza da Ferrería e as súas demandas tamén se centran na exixencia á Xunta de Galiza, de medidas que permitan a recuperación económica e a creación de emprego.

Denunciamos que o informe dos "expertos" só pretende reducir a contía e dificultar o acceso ás pensións para promover que quen poida subscriba plans de pensións privados.

Desde a CIG manifestamos o noso máis profundo rexeitamento ás propostas recollidas no informe dos “expertos” co que se pretende avalar unha nova reforma das pensións. Para nós, lonxe de pretender garantir a súa viabilidade a medio e longo prazo, o que se busca é reducir a contía das pensións, dificultar o acceso ás mesmas e promover que as traballadoras e traballadores con capacidade adquisitiva subscriban plans de pensións privados, para alimentar así o negocio da banca e dos especuladores.

A Sala do Social do Tribunal Supremo adoptou nun pleno non xurisdicional un acordo sobre as taxas na Orde Social con motivo das múltiples dúbidas xurdidas nos órganos xurisdicionais tras a entrada en vigor da Lei de Taxas (Lei 10/2012) e a súa posterior modificación polo RDL 3/2013.

A este respecto, a Sala Cuarta (do Social) do Tribunal Supremo, en Pleno non xurisdicional celebrado o 5 de xuño acordou:

1) Para a tramitación dos recursos de suplicación e casación non son esixibles taxas ao traballador, nin ao beneficiario da Seguridade Social, nin ao funcionario ou persoal estatutario, que interpoñan recursos de suplicación ou de casación na Orde Social, nin sequera respecto de recursos interpostos con anterioridade ao RDL 3/2013.

A clase traballadora galega saíu unha vez máis á rúa o 1º de Maio para participar nas distintas mobilizacións organizadas por todo o país nunha xornada na que imperou o ambiente reivindicativo.

A CIG convocou un total de once manifestacións baixo o lema “Partido Popular-Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza”, sendo a máis numerosa a celebrada en Vigo, onde se deron cita máis de 30.000 persoas, aínda que tamén houbo mobilizacións cunha participación moi alta na Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía, A Estrada, Ribeira e A Mariña.

É necesario mobilizarse para pór punto e final a este roubo, a este saqueo contra a poboación máis débil, contra a clase traballadora
 
Convocamo manifestacións, neste Primeiro de Maio, en todas as cidades e en moitas vilas de Galiza facendo un chamamento a parar as políticas deseñadas polo Partido Popular baixo o mandato da Unión Europea. Políticas que están a provocar unha cada vez maior perda de dereitos e o empobrecemento masivo da poboación. Constantes reformas que nos deixan sen dereitos para darlles diñeiro aos bancos, ás grandes empresas, aos especuladores/as e aos corruptos/as.
 
A CIG denuncia o ataque ás pensións, os dereitos no traballo abaratando o despedimentos, incrementando a xornada laboral, reducindo os nosos salarios, causando máis paro e pobreza. Somos vítimas dos desafiuzamentos, perdemos o fogar, os aforros. Reducen as nosas prestacións por desemprego ao 50% a partir do sexto mes. Elimínanlle o dereito ao subsidio para maiores de 55 anos a centos de miles de persoas, suprimindo a cotización durante estes anos e, como consecuencia, castigando a pensión de todos e todas as que perderon o seu traballo.

A CIG sae á rúa contra as últimas reformas que precarizan as condicións laborais da mocidade, dificultan as xubilacións anticipadas e o acceso ao subsidio a maiores de 55.

A tarde do 11 de abril realizamos concentracións en todas as cidades para manifestar o noso rotundo rexeitamento ás últimas reformas aprobadas polo goberno de Mariano Rajoy. Medidas que precarizan as condicións laborais da mocidade; que dificultan as xubilacións anticipadas e que endurecen as condicións para acceder ao subsidio a maiores de 55 anos. O PP prepara unha nova batería de reformas que pretende aprobar no Consello de Ministro do 26 de abril, contra as que “haberá que preparar novas mobilizacións, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral antes do verán.

A CIG convoca concentracións en cidades e vilas de toda Galiza este xoves, día 11 de abril, para manifestar a oposición da central sindical ás reformas aprobadas polo goberno no último mes. Reformas como o decreto para a contratación da mocidade (minijobs); a autorización ás mutuas para dar altas de enfermidade; a das pensións anticipadas, voluntarias ou forzosas e o recorte do dereito ao subsidio para maiores de 55 anos, que provocarán máis pobreza e discriminación entre a clase traballadora.

So pretexto de favorecer a contratación de menores de 30 anos o Goberno de Mariano Rajoy autoriza, con carácter xeral, a contratación de menores de 30 anos con salarios inferiores a 500€ e, en moitos casos, sen dereito á prestación por desemprego.