Outro caso ben distinto é o das administracións públicas. Unha administración coma a Xunta de Galicia que ten o deber de velar, promover, protexer e tantas outras cousas máis que xa están escritas con respecto á nosa lingua… non debe permitirse nin nós lle debemos permitir que ocorran cousas coma as que sucederon a fin de semana pasada en Silleda, onde tiveron lugar as probas de acceso á función pública para o corpo de subalternos da Xunta de Galicia (quenda de consolidación e libre respectivamente). As probas consistían en facer cada un dos días dous exames. O primeiro exame tiñamos que o facer en lingua galega e o segundo fun eu quen decidín facelo en galego… e aquí chega a miña indignación: como xa vén pasando desde que fixen o selectivo e tamén escollín a opción de galego, unha vez máis esta… TIÑA ERROS!! Desde o meu selectivo pasaron xa máis de dez anos e non se produciu ningún avance ao respecto. Como pode a administración esixir que se coñeza o galego e non dar exemplo? Por que non importa que os textos en galego vaian mal escritos? Non ten a Xunta unha Secretaría Xeral de Política Lingüística? Non ten un servizo lingüístico ao que lle presentar os textos para que os corrixan no caso de que os tribunais non estean capacitados para os elaborar correctamente en galego? É de todo inadmisíbel que a Administración galega siga cometendo erros variados e tan de perogrullo en  textos formais, determinantes e de relevancia tal, coma os que constitúen as propias probas de acceso á función pública. Ao final fixemos as probas cuns textos inzados de erros que, entre outras cousas, entorpeceron a comprensión do que se estaba a preguntar en lugar de facilitala. O material contiña erros de redacción que provocaban continuas perdas de tempo por ter que ler as preguntas máis veces do normal. A oferta foi variada: erros de redacción, faltas de concordancia, erros sintácticos, gramaticais, morfolóxicos e ortográficos. Había para escoller, diso si que non nos podemos queixar.

Unha vez máis queda demostrado que aquilo polo que, por lei, as nosas institucións teñen que velar  e promover  está aínda agardando que algo cambie, porque nin se promove nin se protexe nin se toma en serio. Está claro que temos unha lexislación que no relativo á lingua leva moitos anos existindo porque ten que existir, pero non fai nada máis ca iso: existir. Temos uns dereitos recoñecidos que nunca se levan á práctica. Parece que en Galiza as leis que lle atinxen ao galego as hai porque non queda máis remedio, e se as hai (e este é o perfecto exemplo) é xustamente para incumprilos. Vexo, cada vez que me atopo nunha situación deste tipo cómo son lesionados os meus dereitos, uns dereitos fundamentais que se ven vulnerados continuamente nunha sociedade na que aínda non se nos permite, nin de lonxe, poder desenvolvernos con normalidade na nosa lingua. Por iso, dende aquí quero finalmente demandarlle á administración galega e tamén á do estado en Galiza seriedade e rigor no uso da nosa lingua e respecto a todas aquelas persoas que escollemos a opción de vivir en galego nesta terra.

Para rematar, quero apuntar que somos nós, os falantes, os que temos que facer públicas todas as situacións de discriminación e desigualdade nas que nos atopemos. Somos precisamente nós quen temos que defender a lingua e os nosos dereitos, e o camiño é facer patentes e denunciar publicamente todos os entorpecementos que atopemos no noso día a día no país que nos deu a fala. Que todas e todos os que aínda non probaron, vexan que aquí non é doado vivir en galego.

Elisa González Rosendo

NOTA: Temos un fío aberto nos foros no que se recollen detalladamente os distintos erros aos que fai referencia este artigo.