O pasado 11 de maio dous delegados sindicais da CIG, nomeadamente delegados de Xunta de persoal de servizos centrais da Xunta de Galiza, accederon ás instalacións da cidade da cultura en base ao dereito fundamental de liberdade sindical recollido na Constitución española e desenvolto no título IV da Lei Orgánica de Liberdade Sindical (acción sindical).

Máis en concreto, o artigo 41 do Estatuto Básico do Empregado Público estabelece as garantías da función representativa do persoal das Administración públicas. Entre estas garantías se lle recoñece, aos membros da xuntas de persoal e os delegados, o acceso e libre circulación polas dependencias da súa unidade electoral.

Os ditos delegados acreditáronse diante do persoal de seguridade, non só como delegados de persoal, senón tamén como empregados públicos e foron mesmo recoñecidos polos compañeiros que alí se atopaban. Hai que ter en conta que estes delegados en ningún momento entorpeceron o normal funcionamento da unidade administrativa e que as zonas ás que accederon eran zonas de traballo non exceptuadas, de conformidade co disposto na lexislación vixente.

Tendo en conta o anterior non se entende o comportamento obstrucionista por parte da empresa de seguridade privada, do que presentamos queixa. En primeiro lugar por dicirlles que non podían estar alí, posteriormente por escoltar aos dous delegados e a continuación por querer impedirlles o acceso a parte das instalacións. Só lles deixaron seguir a súa visita sindical tras obter o consentimento expreso dos traballadores do resto das instalacións que lle quedaban por visitar.

Hai que facer fincapé que esta liberdade de circulación non pode ser condicionada pola aceptación dos traballadores, nin pola presenza dunha escolta e moito menos polos criterios particulares dunha empresa de seguridade privada que non ten competencias de autoridade pública para restrinxir un dereito fundamental.

Xa que logo, esiximos unha explicación do acontecido e a pertinente formación en materias de dereitos fundamentais do persoal de seguridade do complexo da Cidade da Cultura para que este desgraciado incidente non se volva a repetir. No caso de non recibir unha explicación convincente e axeitada reservámonos o dereito a presentar a correspondente denuncia penal contra o exercicio da liberdade sindical.

Moito deseño pero pouca practicidade

Por outra banda, como centro de traballo e de acordo co artigo 8.2 da Lei Orgánica de Liberdade Sindical, solicitamos que coa finalidade de facilitar a difusión daqueles avisos que podan interesar aos afiliados ao sindicato e aos traballadores en xeral, se poña á súa disposición un taboleiro de anuncios no complexo da Cidade da Cultura e nun lugar onde se garanta un axeitado acceso a este por parte de todos os traballadores.