Baixo a presión do rescate á banca, Europa e o FMI esixen ao Goberno español controlar a débeda pública a toda costa. Non é que non haxa diñeiro senón que a preferencia está en pagar e seguir axudando ao sistema bancario, a pesar de que para iso haxa que seguir afogando á parte máis débil e vítima da crise, a que depende do seu traballo para vivir.

Co obxecto de dispor da información sobre este tipo de medidas e o seu impacto no persoal da Xunta de Galicia, en data de hoxe solicitamos, con carácter de urxente, xuntanza coa Dirección Xeral da Función Pública, co fin de que poña no noso coñecemento as reformas previstas polos Gobernos Central e Autonómico. De todos os xeitos, esta Xunta de Persoal solicitará que non se apliquen as medidas non básicas e que se compensen os efectos destas sobre o persoal propio, na medida no que os orzamentos o permitan e sendo posible aínda recortar noutros ámbitos absolutamente prescindibles para o mantemento dos servizos públicos.

Visto o xeito de proceder cos recortes, entendemos que o Goberno de España RIDICULIZA aos representantes da Función Pública autonómica, aos empregados e empregadas públicas a toda a cidadanía, filtrando a información dos recortes primeiro á prensa e por último ao congreso, as comunidades autónomas e aos propios afectados. Unhas medidas que nunca son negociadas ou moduladas polos representantes da sociedade ou dos traballadores, senón que se nos impoñen directamente.

Por último, queremos expresar a nosa solidariedade e apoio co resto de empregadas e empregados públicos doutros ámbitos e Administracións que están a levantar a voz, defendendo os servizos públicos e a nosa dignidade así como a necesidade da nosa figura para superar esta crise entre todos, sen deixar a ninguén atrás. Esta xunta de persoal ponse ao servizo das persoal que representa e organizará asembleas e mobilizacións para defender os dereitos dos empregados públicos, en particular, e da cidadanía en xeral.