O responsábel da CIG-Autonómica en Ourense informou que a central xa se ten dirixido á Xefa Territorial de Presidencia e ao superdelegado, quen indicaron que non van readmitir á traballadora. Por este motivo, dende a CIG vaise presentar un recurso contra o despedimento por consideralo improcedente.


Neste senso, Diz aclarou que as razóns alegadas pola Xunta non son válidas, xa que a traballadora afectada, que levaba 23 días de contrato por substitución dunha baixa, ten unha relación laboral coa administración que supera os 60 días acumulados, polo que, segundo o estabelecido no Estatuto do empregado público, o período de proba xa fora superado.


Ausencias xustificadas


Diz apuntou que María Paio tan só faltou ao seu posto de traballo cinco minutos un día para recoller a súa filla da gardería, de onde lle avisaran que a nena tiña 40 graos de febre, así como os dous días seguintes para acudir ao pediatra e a unha nova consulta médica por urxencias.


Unha semana despois a nai da traballadora sufriu un accidente e tivo que ser trasladada tamén ao hospital, suceso que motivou que María Paio se vise na obriga de faltar ao traballo un día máis. “As ausencias están todas perfectamente xustificadas e foron comunicadas no seu momento aos responsábeis de persoal, tanto por teléfono como por fax”, apuntou Diz, quen destacou que esta mesma documentación aparece reflectida no expediente da administración.


Penalización de por vida


A situación xerada polo propio despedimento hai que engadirlle que a decisión da Xunta supón unha penalización para a traballadora durante toda a súa vida laboral que lle impedirá anotarse nas listas de contratación da administración.