O primeiro dos contratos de INDRA por un valor total final de 741.355,93€ é para dar servizo de soporte técnico e funcional de diversos sistemas de información xestionados na AMTEGA. O outro ten un valor total final de 307.800,00€ e está orientado para dar servizo de mantemento da plataforma de correo electrónico da Xunta de Galiza. Ambos contratos teñen unha duración de 24 meses.
No caso do contrato con ALTIA Consultores, o contrato adxudicado o 15 de novembro ten un valor total final de 1.619.703,65 € e ten por obxecto o mantemento, licenzas e soporte de produtos avanzados de xestión de base de datos e servidores de aplicacións. A duración do contrato será de 48 meses.
Consonte á Lei de contratación no sector público hai que recordar que destas cantidades está excluído o IVE, co cal habería que engadirlle un 21% do tipo xeral.
Convén recordar, segundo os datos da plataforma de contratación da Xunta, que nos últimos 3 anos e medios foron case 35.000.000 € os destinados a contratos informáticos sendo case sempre os afortunados unha das catro seguintes empresas: Indra, Altia, Plexus ou El Corte Inglés). Igualmente, neste período, foron máis de 4.000.000 € os destinados a licenzas de software privativo coas grandes multinacionais como Microsoft.
Cabería pensar que cantidade de postos técnicos informáticos propios se podería crear para atender estas necesidades con ista cantidade de cartos ou o diñeiro en licenzas que poderíamos ter aforrado de ter implantado o software libre coma xa fixeron noutras comunidades autónomas. Non hai que deixar de lado que detrás destes contratos existe un beneficio empresarial que redunda nun empeoramento do servizo, das condicións laborais dos traballadores ou ben de ambos. Que maneira mellor de facer austeridade no gasto que evitando este innecesario "beneficio empresarial" ao desenvolver as funcións con persoal propio?
En época de crise a táctica empresarial habitual de cara a supervivencia da empresa é reducir os servizos externos e asistencias. Pois ben, no caso das Administracións empapadas de política neoliberal está de moda o contrario: reducir en persoal propio e aumentar os servizos tecnolóxicos externos. Xa que logo, tendo en conta o elevado ritmo de privatizacións, resulta evidente o escaso interese por parte do Goberno actual en asegurar a supervivencia da Administración autonómica como tal.
Dado que esta política está afectando gravemente a prestación dos servizos públicos, así como ao emprego público, a CIG-Autonómica, volve poñer enriba da mesa, por enésima vez, a súa proposta de comisión de control sobre a privatización da Administración autonómica. A atención focalizaríase nos contratos que pola súa natureza poidan dar lugar a cesións ilegais de traballadores ou a contratos en fraude de lei, e ao mesmo tempo fixar se o obxecto e natureza do contrato non é determinado na duración da obra e servizo e pode considerarse que é un traballo estrutural a desenvolver con persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza.
Nota remitida aos medios