A asemblea, que comezou por volta das once da mañá, contou coa participación dunhas cincuenta persoas, xa que ademais do persoal propio do complexo tamén acudiron traballadores/as das campañas, un feito que foi valorado moi positivamente dende o Comité de Traballo e Benestar.

No marco da asemblea acordouse que todos os/as participantes se trasladasen até o despacho do director do complexo para solicitarlle que se puxese en contacto cos responsábeis da Consellaría de Traballo e Benestar e pedir unha xuntanza urxente na que abordar estas amortizacións. No caso de non haber resposta ou de que a resposta sexa negativa, os traballadores/as xa advertiron que trasladarán as súas protestas o vindeiro mércores até os edificios da Xunta en Santiago de Compostela.

Avance na privatización

O anuncio da Consellaría supón a destrución de 11 dos 19 postos de traballo do Complexo Xuvenil das Mariñas, e aínda que hai algunha praza sen cubrir, a maioría están ocupadas por persoal fixo e interino. De feito, o delegado da CIG apuntaba ao feito de que a meirande parte das amortizacións correspondan ao persoal de cociña, almacén e camareiras-limpadoras, xa que deste xeito, a Consellaría tería máis facilidades para dividir ao persoal e evitar un conflito laboral, e doutra banda garantiría o mantemento do complexo.

Desde o Comité destacan que queda claro que no fondo desta decisión está a intención da Xunta de privatizar o complexo, externalizando a xestión do mesmo. A este respecto,  adiantaron que iniciarán unha serie de contactos con representantes dos grupos municipais da comarca para que esixan o mantemento dos empregos e a actividade e cos institutos para que pidan coberturas do centro.

NOTA INFORMATIVA DO COMITÉ DE EMPRESA DE TRABALLO E BENESTAR DA CORUÑA

En datas recentes, a Consellería de Traballo e Benestar ven de anunciar unha nova modificación da RPT. Na práctica isto supón o despedimento de traballadores/as públicos/as. Se o tema é do máis grave, no caso do Complexo Xuvenil As Mariñas (Albergue de Gandarío---Albergue Marina Española) supón a condena a unha privatización máis que segura.

Dende hai tempo o Comité de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña ven denunciando unha clara estratexia privatizadora da Consellería. O modelo é sempre o mesmo, redúcese ou anúlase a inversión en mantenimento, adecuación e modernización dos centros, baléiranse de contido, evítase o uso por parte dos posibles usuarios e, desta forma, a Consellería xustifica o excesivo gasto que provoca e xa teñen a excusa para facer o que eufemisticamente denominan “xestión indirecta dun servizo público” e que nós chamamos directamente “privatización dos recursos públicos”.

No caso do Complexo Xuvenil As Mariñas, danse todos estes parámetros engadindo un máis, o despedimento de 11 persoas correspondentes ós servizos de cociña e limpeza. Deste xeito, a plantilla do centro queda reducida á mínima expresión o cal, a todas luces, é insuficiente para a cobertura de aloxamento que debe prestar. Pero aínda por riba, aqueles/as colexios, asociacións, concellos que se poñen en contacto co Complexo para formaliza-la súa reserva atópanse coa sorpresa que non é posible, que non están admitindo ningunha reserva de aloxamento, ata que reciban instrucións da Consellería de Traballo e Benestar. Esto é increible nun albergue que leva máis de 40 anos prestando servizo na nosa provincia, un albergue que incluso foi utilizado para situacións de emerxencia, como ocorreu no caso do “Casón” ,que deu aloxamento a tóda-las persoas desaloxadas das súas vivendas. Un recurso público que ten organizado campamentos de verán infanto-xuvenís, con instalacións adaptadas, con pistas deportivas, a carón do mar, que serviu para organizar campamentos matemáticos, deportivos, etc.

O Comité de Empresa, pregunta a Consellería de Traballo e Benestar:

  • Qué tipo de actuacións se pretenden levar a cabo en dito Complexo Xuvenil “As Mariñas” ?
  • Qué pretenden facer mediante o convenio firmado entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura con un investimento de 300.000 euros no Complexo Xuvenil “As Mariñas”?
  • Cando pensa informar ao persoal do centro do seu futuro?

 

Por último informamos a opinión pública que hoxe 18 de febreiro, o Comité de Empresa e as/os traballadores do centro tras a concentración realizada nas súas instalacións e tra-la asemblea realizada, tomaron as dúas seguintes decisións:

A primeira delas, é que o próximo mércores día 20 ás 9,30 horas, sairán en autobús, ata Santiago conxuntamente (Comité Empresa—traballadores), ante a falta de resposta a unha petición de reunión coa Secretaría Xereal de Traballo e Benestar, co fin de acadar unha reunión coa Consellería de Traballo e Benestar.

E a segunda, contactar cos diversos partidos políticos, grupos parlamentarios, concellos co fin de buscar a súa implicación na defensa do Complexo Xuvenil “As Mariñas”.