Pode que ese posto de Subdirector fora aberto excepcionalmente a funcionarios da Administración Local para que poidera ser ocupado por un funcionario dun Concello? Pode que ese funcionario do Concello de Boqueixón chamado José Manuel Abelleira Freiría sexa o Subdirector do Complexo Xuvenil “As Mariñas”, que non teña pisado o Centro e que desde o mes de maio do 2012 estea realmente dentro do Servizo de Participación Xuvenil dependente da Dirección Xeral da Xuventude?

Pode ser que este Subdirector que non exerce de Subdirector, cobre como Subdirector-nível 22- máis de 38.000 euros anuais sen contar a antigüidade?

Pois sí. Pode ser. E así é.

E a pesares destes antecedentes inmorais e escandalosos, de auténtico fraude, pode unha Consellería de Traballo atreverse a destruir agora 11 postos de traballo do Centro do cal é Subdirector o señor Abelleira Freiría, destruir agora 11 postos de traballo realmente existentes porque “hai que gastar menos”.

Esta é a política da Xunta de Feijoó que quer desmantelar o Complexo Xuvenil “As Mariñas” formado polo Albergue de Gandarío e o Albergue Mariña Española en base ao único criterio de aforrar diñeiro público a costa de destrozar os Servizos Públicos.

Destrozar os Servizos Públicos sí. Destruir postos de traballo sí. Amortizar sí, pero non amortizar un posto dun Subdirector que non exerce de Subdirector pero que é amigo do Director Xeral da Xuventude, e ademais de amigo, veciños de Concello.

Para isto dá o Partido Popular. Para destrozar os Servizos Públicos pero protexer aos amigos privados.