A Residencia Mixta de Maiores de Ferrol, explican dende o Comité, ten na actualidade unha capacidade de 191 residentes/as, dos que 47 son asistidos e o resto válidos. O edificio consta de sete plantas máis planta baixo e soto. Unha das sete plantas está destinada a asistidos/as con 33 residentes/as valorados como tal, hai outra planta que lle da aloxamento a outros 11 internos tamén asistidos, máis unha área destinada a enfermería  para coidados esporádicos para os internos que así o precisen situada no mesmo andar.

A ocupación real a día de hoxe é de  175 residentes/as válidos e 45 asistidos/as. “Existen pois  baleiras 16 prazas, máis 2 de estancia temporal”, sinalan.

Na  actualidade, matizan, “e debido ao seu proceso lóxico de envellecemento  as  actitudes tanto físicas coma cognitivas dos usuarios/as baremados/as coma válidos/as están a experimentar unha grande degradación cun proceso que supón que deixen de facer  tarefas propias da súa vida diaria por si mesmos, coma aseo persoal, continencia urinaria ou simplemente orientación físico espacial dentro das dependencias da Residencia. Un dato a ter en conta é que 20 dos residentes válidos precisan duchas que veñen facendo o persoal de enfermaría”.

Ademais, na anterior lexislatura  o goberno  tiña pensado acometer una serie de obras maiores no edificio que quedaron truncadas por motivos económicos.

Por todo isto, “consideramos urxente e necesario que unha das cinco plantas actuais para válidos se transforme en planta para  asistidos. Acometendo una serie de obras menores  imprescindíbeis, co fin de darlle a calidade asistencial que os nosos  anciáns/ás merecen, e non causarlles o desarraigo que podería supor o traslado a outra residencia”. Esta demanda foi presentada ante o director do Centro, a xefatura territorial e a conselleira de Traballo e Benestar.