Peche de traballadores/as da oficina de Ferrol

No caso da asemblea celebrada no edificio administrativo da Xunta en Ferrol, que comenzou logo de rematada a xornada laboral, unha das propostas estudadas refírese ao inicio de xestións pertinentes coas organizacións sindicais, sociais e políticas da comarca para conseguir a convocatoria dunha gran manifestación en defensa dos servizos sociais. “Porque é o momento de dicir basta, e porque, ademais, a Consellaría de Traballo e Benestar está atacando especialmente aos servizos públicos desta comarca”, denuncia Carmem Viso, delegada da CIG no Comité e responsábel do sector de Autonómica da CIG-Administración de Ferrol.

Con este obxectivo, a representación dos traballadores/as vaise pór en contacto tamén co persoal do CAMF-Imserso, que dende hai semanas realizan peches semanais e concentracións diarias contra o deterioro das condicións laborais e asistenciais. De feito, apuntaba Viso, as valoracións dos/as usuarios/as deste centro foron feitas na Oficina de Dependencia que agora a Xunta pretende desmantelar.

Neste senso, a responsábel comarcal da CIG-Autonómica criticou que dende o pasado 11 de marzo, o alcalde segue sen informar sobre unhas supostas xestións que ía realizar na Xunta a respecto da oficina.

Peche de traballadores/as na oficina de Compostela

Centralización dos expedientes na Coruña, mais sen reforzo de persoal

Dende a CIG-Autonómica denúnciase que a Consellería de Traballo e Benestar quere eliminar os 15 postos do persoal que está a tramitar as axudas de Dependencia en Santiago de Compostela e do Equipo de Valoración de Discapacidades, persoal pertencente á Xefatura Territorial da Coruña e aos Servizos Centrais da Xunta. As oficinas situadas en Área Central en Fontiñas quedan desmanteladas coa supresión de 2 psicólogos, 6 asistentes sociais, 1 responsábel progr. da Unidade de atención á dependencia e 6 auxiliares administrativos que levan dende o ano 2006 atendendo a máis de 20.000 persoas de Santiago de Compostela e comarca (Padrón, Melide, Ribeira, A Pobra, etc).

Así mesmo, tamén eliminan 6 postos de traballo do persoal que está a tramitar as axudas de Dependencia en Ferrol e 1 no Equipo de Valoración das Discapacidades, coa escusa da centralización na Coruña. A Oficina presta atención a 240.786 potenciais usuarios/as repartidos/as en 31 concellos (das comarcas de Ferrol, Ortegal, Eume e Betanzos).

En Ferrol, vanse suprimir 4 postos de Asistentes Sociais, 1 fisioterapeuta e 1 médico, destruíndo, principalmente, os postos de traballo relacionados coa parte técnica do procedemento de valoración de Dependencia. Non se teñen en conta nin as competencias do órgano de valoración nin dos técnicos de valoración e o volume de poboación atendida.

Neste senso, lembran que a provincia de A Coruña é a mais poboada de Galiza (1.147.124 habitantes, distribuída en 94 concellos), mentres a provincia de Pontevedra (963.511 habitantes, distribuída en 62 concellos) con menor poboación e menor número de Concellos non se formula a supresión dun dos seus órganos nin do número de técnicos de valoración que hai no seu territorio. Porén, na provincia de Coruña desmantélanse as oficinas de Ferrol e Santiago de Compostela.

A desaparición dos equipos de valoración e o traslado A Coruña dos expedientes suporá a eliminación da oficina da Dependencia en Compostela e Ferrol e supón ademais unha perda de axilidade, racionalidade e simplicidade na xestión das tramitacións de expedientes. Penalizase a un sector da poboación moi sensíbel e aos seus coidadores. A Administración non ten xustificación para afastar a prestación de servicios tan básicos dos seus posíbeis usuarios/as. Remátase, deste xeito, coa proximidade ao cidadán e dificultase o acceso dos mesmos a unha tramitación áxil e eficiente.