En todos os casos trátase da supresión de unidades, instalacións e postos de traballo en servizos básicos para a construción dunha sociedade máis xusta, con capacidade para facilitar a vida a todos aqueles aos que lles tocou transitar polo lado máis duro dela.

Estámonos a afacer a que os gobernantes digan que procuran precisamente o contrario do que se consigue coas súas políticas: din procurar traballo despedindo arreo e facilitando e abaratando os despedimentos; falan de mellorar a saúde, limitando a cobertura das institucións creadas cun grande esforzo de todos; enchen a boca con palabras como igualdade de oportunidades e ensino para todos, mentres reducen as becas, dificultan o acceso das xentes sen medios ó ensino e á universidade; insisten na necesidade dunha xustiza para todos, mentres lle poñen prezo ao acceso á mesma...

O ataque aos servizos sociais en Ferrolterra non é recoñecido por eses gobernantes pero é perfectamente cuantificábel e súmase ao deterioro das condicións de traballo dos seus empregados e empregadas (maioritariamente empregadas, posto que estamos a falar de actividades fortemente feminizadas).

Lembramos as mobilizacións recentes do persoal de centros señeros na área dos servizos sociais públicos como o CAMF-Imserso de Ferrol, sometido a severas restricións pola Administración do Estado, ou, na mesma liña, a Residencia de Maiores de Caranza, dependente da Administración da Xunta de Galicia.

A defensa dos servizos públicos en todos os sitios é unha obriga cidadán. A CIG-Administración de Ferrol correspóndenos defender especialmente os servizos públicos de Ferrol e a súa comarca.

Por iso acordamos sumarnos á manifestación convocada para o mércores 24 de abril ás 8 da tarde, con saída desde a Praza de España, e chamamos á máis ampla participación.