Os Tribunais de Xustiza veñen de estimar a demanda presentada a través dos servizos xurídicos da CIG por un funcionario, sobre a cobertura en comisión de servizos do posto de director da Oficina de Emprego das Pontes (Xefatura Territorial de Traballo e Benestar da Coruña).

O posto de director desta oficina de emprego (nivel 20), fóralle concedido en comisión de servizos a unha persoa funcionaria do subgrupo C2 destinada noutra consellería e sen experiencia en oficinas de emprego, apesar de que fora solicitado tamén por un traballador do subgrupo C1 destinado na Oficina de Emprego das Pontes desde hai anos.

O Xulgado do Contencioso nº 1 de Ferrol sinala que a Resolución de 27 de marzo de 2006, pola que se ditan instrucións sobre a cobertura temporal de postos de traballo mediante comisión de servizos, contempla que para as comisións de servizo debe propoñerse, preferentemente, a persoas do mesmo centro directivo.

Esta preferencia do persoal do mesmo centro foi incumprida neste caso sen que a Administración o motivase. Por iso, a sentenza estima a demanda interposta polo funcionario que, ao executarse a sentenza, actualmente xa se encontra desempeñando o posto de director da Oficina de Emprego das Pontes.

Cómpre ter en conta, ademais, que é responsabilidade da Dirección Xeral da Función Pública asegurar o cumprimento da normativa en materia de comisións de servizo. Casos como o da Oficina de Emprego das Pontes exemplifican que se está a facer uso da figura da comisión de servizos para fins espurios, limitándose a Consellería de Facenda a amparar a ilegalidade, dándolle o visto e prace ás persoas propostas polas Consellerías para cubrir os postos en comisión, ignorando a preferencia do persoal da unidade e calquera criterio obxectivo de idoneidade.

Desde a CIG valoramos positivamente a rápida actuación da Xustiza neste proceso xudicial, levado exitosamente polos servizos xurídicos do noso sindicato, que vén a confirmar ademais que existen límites á discrecionalidade nas comisións de servizo, sentenzando que a Administración ten a obriga de motivar os supostos nos que se adxudica unha comisión de servizo a persoas alleas á unidade.

Descargar a sentenza 73/2013 do Xul. do Contencioso-Admvo. nº 1 de Ferrol