O Comité de empresa presentara conflito colectivo contra as quendas de traballo impostas pola Xefatura Territorial, ao considerar que eran abusivas e desequilibradas. Até 2013 estas carteleiras se negociaban coa representación social, mesmo centro por centro, mais o pasado ano a Consellaría “aludindo á austeridade” impuxo unhas quendas “abusivas e escravistas”.

Neste senso, as traballadoras e traballadores dos centros dependentes de Benestar está a traballar até nove días seguidos e mesmo tres fins de semanas continuados, creándose situacións de sobrecarga e estres laboral que afectan tanto á conciliación da vida laboral e familiar do persoal como á propia calidade asistencial.

Aínda que a Consellaría recorreu a resolución xudicial en casación, dende o Comité de empresa confían en que a terá poucas opcións de gañar, polo que a administración “deberá cumprir a sentenza, chamarnos a negociar e modificar as actuais carteleiras, que están levando ao persoal a traballar en precario e sobre explotado”.

A este respecto, dende  o Comité informaron que teñen solicitada unha xuntanza coa Consellaría para tratar a sentenza do TSXG e garantir que se dea cumprimento á mesma, xa que nestes momentos se están a elaborar as quendas para o presente ano e a administración “continúa coa mesma actitude”.

Na comparecencia, o Comité tamén denunciou a “falsa austeridade” preconizada pola Xunta, porque “agora a administración vainos ter que pagar cartos, cando era máis sinxelo negociar unhas quendas axeitadas, racionais e que permitan dar unha atención adecuada”.

A sentenza do TSXG afecta aos centros de menores, residencias de terceira idade e centros de atención a persoas con discapacidade (CAPD) da provincia da Coruña e a uns 1.800 traballadores e traballadoras. Ademais, explicaron, o fallo ten carácter de cousa xulgada polo que permite a reclamación individual por danos e prexuízos.

O Comité tamén interpuxo conflito colectivo contra a xornada de verán, ao excluírse da mesma ao persoal laboral que presta servizos en centros de atención directa. Porén, o TSXG non estimou esta reivindicación.