As traballadoras e traballadores dos centros dependentes de Beatriz Mato están a traballar até nove días seguidos e mesmo tres fins de semanas continuados, creándose situacións de sobrecarga e estres laboral que afectan tanto á conciliación da vida laboral e familiar do persoal como á propia calidade asistencial.

A Consellería de Traballo e Benestar recorreu a resolución xudicial en casación, e no día de hoxe 2 de xuño de 2014, o Comité de Empresa recibiu a comunicación do TSXG polo que se declara deserto o recurso de casación e polo tanto se declara a firmeza da sentenza que obliga a  negociar e modificar as actuais carteleiras, que están levando ao persoal laboral a traballar en precario e sobre explotado.

O Comité de Empresa volve a solicitar  unha xuntanza coa Consellaría para tratar a sentenza do TSXG e garantir que se dea cumprimento á mesma, xa que nestes momentos as quendas de 2014 tamén repiten as mesmas ilegalidades que as do 2013 nunha actitude de absoluta falta de dialogo e negociación por parte do departamento que preside Beatriz Mato. Con esta sentencia firme queda patente a “falsa austeridade” preconizada pola Xunta, porque agora a administración vai ter que pagar cartos en indemnizacións por danos e perxuizos, cando era máis sinxelo negociar unhas quendas axeitadas, racionais e que permitan dar unha atención adecuada aos usuarios destes centros.

A sentenza do TSXG afecta aos centros de menores, complexo xuvenil, residencias de terceira idade e centros de atención a persoas con discapacidade (CAPD) da provincia da Coruña e a uns 1.800 traballadores e traballadoras.