O Comité na solicitude enviada a Beatriz Mato fai constar os seguintes puntos:
 
PRIMEIRO.- A Xunta de Galicia anulou a compensación en días de descanso,  por traballar en domingo ou festivo, polo que considera que todos os días da semana son iguales, sen que exista retribución ou compensación para o persoal laboral que esta a desempeñar as súas funcións durante os domingos e festivos do presente ano 2014.
 
SEGUNDO.- Nos centros de atención directa da Consellería de Traballo e Benestar da Coruña, mantense un grupo de persoal con funcións de dirección como son directores, xefes de departamento, coordinadoras/es e responsables de area, que NON acoden a traballar ningún domingo ou festivo do ano. Desempeñando as súas funcións de luns a venres, mentres o resto de persoal dos seus mesmos centros, traballan os domingos e festivos.
 
TERCEIRO.- Nesta situación de inasistencia ao seu posto de traballo e NON exercicio das súas funcións durante os domingos e festivos, esta tamén persoal directivo de libre designación da propia Xefatura Territorial, como son a Xefa Territorial, o Xefe de Servizo de Coordinación Administrativa e o Xefe do Servizo Provincial de Coordinación de Centros.
 
CUARTO.-  Este persoal directivo, ten nas súas retribucións salariais unha serie de complementos  e incrementos de nivel que compensan adecuadamente a súa responsabilidade, dispoñibilidade e funcións, aínda que a pesar destas retribucións complementarias non consideran oportuno traballar en domingo ou festivo.
 
QUINTO.-   Durante os domingos e festivos do ano prodúcense nos centros de atención directa (Residencias de Maiores, Centros de Menores, Centro de Atención a Persoas con Discapacidade) situacións laborais e de asistencia aos usuarios e familiares que son responsabilidade única de quen ostenta o cargo de director/a nos centros de atención directa, ou doutro persoal que tampouco realiza xornada en domingo e festivos, quedando polo mesmo sen resolverse estas situacións ata o “vuelva usted mañana”. Neste caso o luns seguinte ou primeiro día “laborable” despois dun festivo. Esta situación queda paliada ao asumirse por persoal de servizo a solución dos problemas prantexados, que aínda sen ser da súa competencia deben ser resoltos de inmediato ao estar en centros de atención directa e continuada onde os problemas tamén surxen os domingos e festivos que os cargos directivos gozan de asueto e recreo. Reiterando que o persoal que traballa en domingos e festivos nin ten funcións directivas encomendadas nin percibe ningunha compensación por traballar nestes días específicos.
 
Nesta situación o Comité de Empresa  demanda que a conselleira Beatriz Mato poña fin a esta dobre discriminación á que  está a someter ao  persoal laboral que traballa en centros de atención directa que están abertos tamén domingos e festivos. Isto é un persoal laboral que traballa domingos e festivos e non recibe ningunha compensación e uns cargos directivos que non traballan ningún domingo  nin ningún festivo e reciben toda clase de complementos salariais.