Cómpre recordar que recentemente a Xunta publicou o seu Código Ético e de Conduta para o persoal que traballa na Administración autonómica, co obxecto basicamente de discernir entre o que é un agasallo de cortesía e o que poder ser un suborno. Porén, non vemos que as persoas representantes da Xunta lle esixan un comportamento exemplar aos seus altos cargos que aparecen citados en casos de corrupción e nin sequera aclaren porque aparecen a declarar diante da policía.

En calquera caso, máis molesto resulta para as traballadoras e traballadores públicos da Xunta ver nos seus centros cada pouco a policía facendo rexistros ou ver como compañeiras e compañeiros de traballo son chamados a declarar en casos de corrupción no máis absoluto mutismo por parte dos seus superiores; antes do de Traballo polo fraude nos cursos de formación, estivo o da Axencia de Infraestruturas co caso Pokemon ou o da Axencia de Innovación co caso Campión.

Desde a CIG-Autonómica Compostela lle demandamos á conselleira de Traballo e Benestar que deixe de tomar o pelo á cidadanía e declare a que se debeu este último rexistro e como de grande é o iceberg do que só lle estamos a ver a punta a este caso. Por outra banda, fai un chamamento ao Goberno da Xunta a que deixe de botar terra sobre os casos de corrupción e evite a mala imaxe pública que lle está dando a esta Administración autonómica cada vez que aparece a policía rexistrando as súas instalacións sen dar unha mínima explicación. Por outro lado, facemos un chamamento ás traballadoras e traballadores da Xunta a combater a corrupción e poñer en coñecemento xudicial calquera destas prácticas.