A nosa sorpresa foi xa, cando ao pouco de ser nomeado José Selas como Xefe territorial da Consellaría de Traballo e Benestar, apareceu xente que no anterior Goberno de Fraga traballaba moi preto del e foron colocados en comisións de servizo e eran frecuentes os comentarios de nomeamentos para varios postos como pode ser a Residencia do Tempo Libre do Carballiño, repartíndose incluso as subdireccións.

Pero, para a CIG-Autonómica o cumio destes despropósitos é o cesamento e o nomeamento da Dirección do Centro de Menores de Montealegre. Este centro, xa de por si especial polos residentes que atende, pasou por diferentes etapas de inestabilidade na dirección ata que foi nomeada, cun amplo consenso dos/as traballadores/as do mesmo centro a Directora agora cesada, para substituíla por quén? Sorpresa! Por unha prima, non sabemos si 1ª, 2ª ou.... que, do presidente. E como non podía ser doutro xeito, dende o día seguinte a que Feijoo gañara as eleccións, empezou a dicir polo centro “Ola, son prima de Feijoo, son a próxima directora do centro”.

Dende a CIG-Autonómica esiximos que de xeito inmediato se deixen de facer este tipo de políticas favoritistas, estas prácticas de nepotismo descarado que o único que fan é desprestixiar a función pública e aos/as traballadores/as públicos, que o único para o que estamos é para servir aos cidadáns. Esiximos que se dote dunha dirección ao Centro de Menores de Montealegre, especialmente a este centro dadas as súas características, pero a todos os demais do mesmo xeito, respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade, facendo unha selección legal e lexítima, sen amiguismos nin beneficios a familiares varios. Porque xa sería o colmo que con este nomeamento, ademais da colocación dixital, se aproveitara para facelo coincidir coa irmá da futura directora, anotada nas listas de Educador/a (posto que ocupaba a recén nomeada)  e así colocar a dúas primas de Feijoo dun so golpe.