Dende o Gabinete destácase que a Consellaría do Medio Rural non ten realizada a avaliación de riscos de todo o persoal adscrito aos cinco distritos forestais e ambientais que hai na provincia (así como os centros comarcais dependentes destes), no referente ás funcións que os/as traballadores/as desenvolven no exterior das oficinas de referencia. Ademais, en moitos casos a xornada laboral realízase integramente en traballos de campo.

Segundo destaca Anxo Pérez, responsábel do Gabinete de Saúde Laboral da CIG en Ourense, o persoal afectado, que supera as 160 persoas, está exposto polas tarefas que realiza, a riscos en materia de seguridade, hixiénicos (físicos, químicos e biolóxicos) e aos propios do deseño do posto de traballo (como os vehículos). Non obstante, a Xefatura Territorial só ten elaboradas as avaliacións das oficinas, nas que tan só permanecen aqueles funcionarios e funcionarias que fan labores administrativas e só de lugares fixos de traballo, pero non dos diferentes postos.

A carencia da avaliación está considera como falta grave na Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social, polo que dende o Gabinete da CIG agárdase que a Inspección de Traballo tome medidas a este respecto e obrigue a Consellaría a realizar de inmediato as avaliacións de riscos dos distintos postos de traballo.