O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar fai un desleixo absoluto dos seus centros de maiores e deteriora, a mantenta, a atención as persoas usuarias dos mesmos.

No centro de día residencial de Taboadela non se cobren as baixas do persoal e, cando se fai, sempre é tras varias semanas de falta de persoal.

O centro acumula ao día de hoxe numerosas baixas médicas e moitas delas non se cubren o que prexudica claramente a atención aos residentes e sobrecarga notablemente ao persoal que os atende polo que, a pesar do esforzo do persoal, o servizo vese claramente afectado.

Isto leva acontecendo meses e anos máis e a CIG cada vez que acontece reclama aos servizos de persoal do Consorcio a súa cobertura que, no mellor dos casos, sempre se demora varias semanas tal e como relatamos anteriormente.

Mais coidamos que é digna de mención a última “desculpa” que nos deron cando solicitamos a cobertura dunha traballadora nesta mesma semana: teñen prioridade as escolas porque se traballa con nenos. Esta foi a resposta  dunha técnica de persoal que coloca o resto dos servizos por diante da atención ás persoas maiores.

Parécenos moi grave que se unha empresa que leva no seu nome a palabra igualdade faga discriminación grave e evidente entre o seu persoal usuario. Ademais parécenos gravísimo que esas palabra fosen pronunciadas por unha responsábel de persoal que é ademais delegada sindical da central CSIF.

Dende a CIG esiximos que o Consorcio cese inmediatamente na discriminación dos seus usuarios e proceda a realizar unha política de persoal negociada, eficiente e que permita atender o servizo coas garantías debidas.