Esta incomprensible actitude dos responsables da Consellería de Sanidade, que demostran o máis absoluto desprezo e abandono no que á saúde ambiental se refire, obrigou ao colectivo de Farmacéuticos inspectores de saúde pública a comezar hoxe, 18 de maio, unha folga indefinida, que foi secundada polo 97% dos efectivos que podían secundala.

A Xunta de Galicia deberá aclararlle a opinión pública, si este corpo de inspección é esencial ou non para protexer a saúde pública da poboación, xa que desde a súa creación nunca tivo en conta a súa importancia, salvo nesta convocatoria de folga, na que o establecemento dos servizos mínimos e as funcións fixadas, se corresponden as dun colectivo que se “pretende vender” como imprescindible. Curiosamente ese recoñecemento profesional de corpo esencial, que os propios inspectores e as organizacións sindicais veñen reclamando desde a súa creación, é o que lle ven negando sistematicamente a Consellería de Sanidade.

Os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UGT xunto do colectivo de Farmacéuticos Inspectores van continuar coa folga indefinida, ata que a Xunta de Galicia convoque unha mesa de negociación para acometer as reformas necesarias consistentes en establecer unha estrutura adecuada, mellorar a súa organización e dotada dos recursos necesarios, para afrontar calquera situación sanitaria grave que poida producirse na nosa Comunidade.

A folga terá continuidade na próxima semana os día 23, 24 e 25 maio, polo que está nas mans dos Conselleiros de Sanidade e de Facenda, poñerlle fin a mesma, mediante a negociación e o diálogo, sempre sobre a base da mellora do servizo público e do recoñecemento profesional do colectivo.