O mesmo día que a CIG difundía esta información, a Xunta publicou na súa intranet a seguinte nota informativa no seu web, onde recoñece o "erro" e que xa actuou en consecuencia; un erro que se prolongou no tempo desde febreiro ata xuño. Sexa ou non erro, o caso é que estamos ante unha vulneración da normativa vixente en materia de protección de datos e será a Agencia Española de Proteccion de Datos a que decida as consecuencias.

Nota informativa sobre a emisión de certificados

09 de xuño de 2016.- En relación á información xurdida sobre a emisión de certificados de empregados públicos por parte da entidade Camerfirma, adxudicataria do servizo de acreditación dixital do persoal ao servizo do sector público autonómico, realízanse as seguintes aclaracións:

  • Segundo as condicións establecidas no contrato asinado con esta administración pública, Camerfirma unicamente pode facer uso dos datos de carácter persoal para a realización das funcións inherentes á prestación do servizo para o que está contratada.
  • Unha vez que a Xunta identificou un erro nas cláusulas incorporadas por parte de Camerfirma na emisión dos certificados, solicitóuselle a esta entidade a realización das seguintes accións:
    • Modificación inmediata das cláusulas relativas ao outorgamento de consentimento para a cesión de datos. Na actualidade estas xa non figuran.
    • Solicitude da revogación inmediata desas condicións nos certificados xa emitidos.

Informar, ademais, de que esta situación afecta unicamente aos certificados emitidos por Camerfirma no período comprendido entre o 2 de febreiro e o 7 de xuño de 2016.