O V Convenio obriga a facer un período de consultas cas/os representantes legais das/os traballadoras/es previamente á comunicación aos mesmos. Así, a negociación debera versar sobre as causas motivadoras da decisión e a posibilidade de evitar ou reducir os seus efectos, así como as medidas necesarias para atenuar as súas consecuencias para as/os traballadoras/es afectadas/os.

Deste xeito, debérase ter producido unha negociación de boa fe con vistas á consecución dun acordo que requirira a conformidade da maioría dos membros do Comité de Empresa e, despois disto, notificarllo ás/ós traballadoras/es. Todo isto está recollido no artigo 43º do V Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galiza.

Pero todo o anterior dalle igual ao supercomisario político Rogelio Martínez que exerceu de caciquillo e dictadorzuelo na Xunta de Galiza ao modo ao que estaba acostumado a realizar os seus chanchullos no Concello de Arnoia.
Nesa liña, a principios desta semana, aproveitándose das datas de Nadal e con nocturnidade e alevosía, o aprendiz de ditador Rogelio Martínez tivo unha xuntanza cas/os traballadoras/es do Carballiño onde lles dixo que a decisión xa estaba tomada e que non lle quedaba máis opción que aceptala. Cuestión que foi reprendida polos representantes da CIG que lle dixeron que cando ía empezar a negociar en lugar de impoñer.

Dende a CIG-Autonómica non estamos dispostos a admitir estes regalos de Nadal envenenados aos que nos acostuma este persoeiro nin a permitir irregularidades e cremos firmemente que a Xunta de Galiza non debe ser ningún cortijo e que aquí as normas deben que respectarse. Anunciamos, logo, que estudiaremos todas as posibilidades xurídicas e legais para exercelas no caso de que non se paralicen inmediatamente as formas dictatoriais e se volva á legalidade vixente que nunca debeu ser abandonada.