Logo da xuntanza que os sindicatos mantivemos o Mércores, 20 de Xullo con Función Pública e Medio Rural, onde lle botamos abaixo a argumentación que propuxeron para o NON recoñecemento da categoría de Bombeiro Forestal, argumentación que non tiña base xurídica ningunha, veñen de comunicarnos que o vindeiro Martes achegarán ás organizacións sindicais proposta de acordo para o recoñecemento da categoría de Bombeiro Forestal aos traballadores e traballadoras do SPDCIF – persoal laboral.

Dita proposta de acordo, recollerá asimesmo, en base ao dito por Función Pública, o establecemento da segunda actividade desligada da extinción directa dos incendios forestais.

O acordo en cuestión deberá pasar os trámites de aprobación da Mesa Xeral coma da Comisión de Persoal, antes da correspondente modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Conselleria do Medio Rural.

Unha vez que o acordo teña carácter definitivo dende a nosa organización sindical, CIG, faremos un resumo de todo o traballo desenvolvido perante as diferentes administracións e/ou departamentos cara a consecuención do recoñecemento da categoría de Bombeiro Forestal, recoñecemento que é obrigado cumprimento para a Xunta de Galicia dado que a lexislación vixente require tal recoñecemento aos traballadores e traballadoras forestais que desempeñan tarefas de prevención e extinción de incendios forestais.