E para que o negocio destas empresas sexa seguro e abondoso a Xunta pon á súa disposición as bases que construíu e mantén cos seus orzamentos: heliportos, bases, talleres, depósitos, casetas de vixilancia...

Mentres as brigadas da Xunta teñen unhas bases que en moitos casos non cumpren a normativa de seguridade e saúde laboral as empresas privadas fan negocio redondo utilizando as bases das desaparecidas brigadas helitransportadas da Xunta. Mentres as brigadas da empresa pública SEAGA de Guntín, A Fonsagrada e outras teñen que utilizar como base unha caseta de obra, na que en ocasións a temperatura chega aos 50º, os donos das empresas amigas non teñen que gastar nada na construción, aluguer ou mantemento das súas bases. Xa llo pagamos entre todos.

O goberno de Feijoo ten demostrado que non lle importa nada que arda o monte, que non ten ningunha política definida sobre a explotación, racionalización e mantemento dos nosos montes e que non é capaz de organizar cun mínimo de coherencia o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. O único que lle importa a Feijoo é mentir sobre a superficie arrasada polos incendios, ocultar a súa incapacidade para xestionar a loita contra os incendios forestais e regalarlle o negocio aos seus amigos.