CIG, CCOO, CSIF e UGT ofrecémonos en todo momento a un diálogo construtivo cos responsábeis da consellaría de Medio Rural para que Galiza volvese dispoñer do dispositivo que fose acorde coas necesidades do noso País na prevención e loita contra os incendios forestais. Fronte ó modelo de dispositivo fragmentado e privatizado que despregou a consellaría de medio rural – e que condea aos traballadores a unhas condicións laborais e salariais inxustas e precarias - as organizacións sindicais propoñemos un modelo público e único dependente do propio Spdcif como garantía de eficacia contrastada e de servizo á cidadanía; un modelo no que os procesos de selección sexan únicos para todos e con listas únicas de contratación para que todos aqueles profesionais que se enfrontan ós incendios forestais teñan as mesmas esixencias de partida; un modelo que remate coa incertidume profesional do elevado número de temporais que existe actualmente e que supón un terzo dos profesionais do Spdcif; que remate coa precariedade dos traballadores que actualmente son contratados durante 3 ou 9 meses para que se poidan desenvolver as necesarias tarefas de prevención durante os meses de inverno; un modelo que recoñeza o traballo desenvolto polos traballadores como bombeiros forestais; un modelo que atenda á adecuada formación e promoción profesional dos traballadores para enfrontarse con máis garantías a lacra dos incendios; un modelo, en suma, que remate coa privatización e fragmentación do dispositivo o que redunda nunha menor eficacia e maior desprofesionalización.

Para lograr isto, as organizacións sindicais esiximos á consellaría a que abra inmediatamente as mesas de negociación necesarias para lograr todos estes obxectivos e iniciar, así, o camiño para que Galiza deixe de ser triste apertura de titulares e portadas de medios de comunicación, para que remate o sufrimento da xente e a destrución do noso patrimonio natural.