A Inspección comprobou a inexistencia de Avaliación de Riscos Laborais e a conseguinte planificación da actividade preventiva nos cinco distritos forestais, o que representa un incumprimento grave da Lei de Prevención de Riscos, 18 anos despois de ser promulgada.

Ao tempo, a Inspección require a Medio Rural que realice a avaliación de todos os postos de traballo adscritos aos respectivos distritos, traballen dentro ou fóra das oficinas dos mesmos ou dos centros comarcais, aspecto este de vital importancia dado que a consellaría unicamente toma en consideración os postos do interior das oficinas, deixando ao persoal que realiza as funcións no monte sen avaliación e, polo tanto, sen planificación preventiva para o seu traballo.

Xunto a isto, realízase requirimento á Xefatura territorial de Medio Rural para a imposición de medidas correctoras de incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais no ámbito da Administración Xeral do Estado.

Prazo de dous meses

A Inspección de Traballo dá un prazo de dous meses, que remata na primeira quincena de febreiro, para que a consellaría realice as avaliacións e planifique a actividade preventiva. Porén, a estas alturas a CIG non ten constancia de que se estean corrixindo as deficiencias detectadas na actuación inspectora.

A CIG sinala que Medio Rural ten que cumprir a normativa legal e subsanar as medidas requiridas pola Inspección de Traballo, así como garantir a presenza de representantes sindicais nas respectivas avaliacións.

A CIG lamenta ademais que sexa precisamente a administración pública  a primeira en incumprir a lexislación en materia de prevención de riscos e en non velar pola seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores.