A Consellería de Política Social, coa necesaria complicidade da Dirección Xeral da Función Pública, pretende crear unha nova categoría chamada Persoal de Servizos Xerais, cunha funcións que o converterían en Chico/a para todo, tal e como demostra a súa propia proposta que recolle o seguinte:

a) Apoio á xestión Administrativa.
Tramitación de pedidos, rexistro de entrada de documentos, transcrición de informes, etc.
b) Recepción, portería, atención e información aos usuarios.
Atención aos usuarios, información aos usuarios, atención telefónica, etc.
c) Limpeza, lavandería, mantemento e apoio ás funcións xerais.
Apertura e peche dos centros, control das instalacións e vixilancia da limpeza dos mesmos, limpeza e mantemento das estancias e dos materiais, retirada de cueiros, montaxe e desmontaxe de cunas, lavandería do centro, etc..
d) Apoio en cociña e comedor segundo o centro e o tipo de servizo.
Elaborar e servir as comidas nos comedores

É dicir, a partir de agora xa non é necesario na Xunta de Galicia que exista persoal administrativo, nin de atención ao público, nin limpeza ou cociña. Un auténtico despropósito.

Pero este despropósito non remata aquí, senón que continúa, coa Lei de medidas fiscais e administrativas, onde crean as escalas de Xerocultor/a e de Persoal de Servizos Xerais, polo que a partir de agora xa non será necesario a cobertura de ningunha praza de administrativo, nin de subalterno, xa que unha única escala fará de todo.

Dende a CIG esiximos que se inclúan estas categorías nas categorías existentes no V convenio colectivo de xeito inmediato, e se deixe dende a Consellería de Política Social de maltratar ao persoal ao seu servizo, negando dereitos de continuo, e buscando a forma de desprestixiar aos profesionais ao seu servizo.