Tras dúas xuntanzas co director xeral de función pública, onde se nos comunicou a aceptación de alegacións menores, quedou claro que os responsábeis políticos da Administración teñen a decisión tomada. Non queren falar tranquilamente cos representantes dos traballadores e traballadoras, tiran para adiante sen aceptar as advertencias dos problemas que xerarán as súas decisións.

Pechada a vía da negociación con Función Pública, contactamos cos grupos do Parlamento de Galiza para trasladarlles as nosas alegacións e solicitarlles que presentasen emendas na liña do que defendemos, que resumimos en:

CREACIÓN DE ESCALAS

A CIG rexeita a creación da escala "Frankenstein" do grupo C2: Persoal de Servizos Xerais (PSX), unha mistura entre auxiliar administrativo, subalterno, limpador, mantemento, auxiliar de cociña, camareiro.. A maiores de innecesaria porque xa existen outras escalas e categorías que realizan as mesmas funcións, a creación desta escala ameaza moitos postos de traballo.

Solicitamos a retirada da creación da escala de “xerocultor”, xa que non entendemos a necesidade de creación desta escala, nin a súa utilidade, tendo en conta que se crea a escala de auxiliar de clínica.

A proposta do PP inclúe a creación de determinadas escalas para a funcionarización do persoal laboral das diferentes categorías de bombeiro forestal. Pero a estrutura de escalas que crean esquece que no actual convenio colectivo existe unha estrutura diferente de especialidades: bombeiro forestal helitransportado, oficial de defensa contra incendios forestais, conductor/a, conductor/a de autobomba, operador de datos, emisorista, vixiantes, oficial 2ª mecánico, .. A cousa é suficientemente complexa como para non despachala en duas xuntanzas como están a facer.

PERSOAL LABORAL TEMPORAL DESEMPEÑEN POSTOS DE TRABALLO DE PERSOAL FUNCIONARIO

A Lei do emprego público xa contemplaba a funcionarización de determinadas categorías de persoal laboral (por exemplo, escalas de servizos sociais). A isto hai que sumarlle as novas escalas de persoal funcionario que crea esta lei de acompañamento.

Mentres que ao persoal laboral fixo se lle respetará a súa vontade de optar entre manter o seu actual vínculo laboral ou cambiar ao funcionarial, o persoal laboral temporal vai ter que optar entre aceptar o cambio a persoal funcionario interino ou o despedimento, sen opción a continuar como persoal laboral temporal.

A CIG quere que antes de proceder a calquer proceso de funcionarización, sexa ofertada a totalidade dos postos vacantes de persoal laboral en proceso selectivo. Unha vez cuberto o 100% dos postos dunha determinada categoría con persoal laboral fixo, entón procederiamos á funcionarización.

DERROGACIÓN DA LEI DE MEDIDAS DO ANO 2012

Solicitamos aos grupos parlamentares que incorporen unha emenda pola derrogación da Lei 1/2012 de medidas temporais no emprego público de Galiza. É dicir, que solicitamos: recuperar o 100% das retribucións en incapacidade temporal, recuperar o fondo de acción social, xornada de 35 horas, ou recuperar os artigos eliminados do convenio colectivo.

COMISIÓN DE SERVIZOS VOLUNTARIA A ESCALA DIFERENTE

Van cambiar a lei para permitir as comisións de servizo a unha escala diferente. A CIG valoraría a proposta nun escenario diferente do actual: concursos de traslados con periodicidade igual ou inferior ao ano, e cunha regulación que fixara criterios para a concesión das comisións de servizo. Pero na situación actual, con corpos/escalas/categorías con décadas entre concursos, e con total arbitrariedade na elección das persoas adxudicatarias das comisións de servizos, estamos certos que esta posibilidade que queren abrir dará lugar a numerosos casos de favoritismos que rexeitamos. Solicitamos a retirada deste artigo e a negociación das comisións entre escalas conxuntamente coa negociación dos concursos anuais para todos e a regulación de criterios para as comisións de servizo.

 Se queres coñecer o conxunto das alegacións, contacta coa CIG na túa comarca.