A Xunta de Galiza mantén a día de hoxe parte do servizo Público do SPDCIF contratado con temporalidades de 3 e de 9 meses -no paro neste momento-, pasando a mans privadas contratacións de todo o ano. Escudándose na falta de cartos prescinde das traballadoras e traballadores públicos do SPDCIF que si contan co material axeitado para realizar as tarefas de prevención, tal e como recolle o convenio, namentres non dubida en ampliar os contratos das empresas privadas que por suposto non son para nada máis baratos.

O SPDCIF é o servizo público creado e dimensionado para a realización das tarefas de prevención e extinción de incendios, deixando que este se desintegre en favor da continua externalización cara a empresas privadas, dando a entender que os cartos que si hai para estes fins non existen para o SPDCIF.

Nesta nova contratación de 2017 a maiores increméntanse en catro as novas funcións a realizar polo dispositivo aéreo, entre elas inclúense: "avaliación de grandes lumes ou lumes simultáneos próximos, medición de superficies queimadas, localización de lugares de perigo alto de incendio en tempo real".
Varias destas funcións xa están asignadas e realizadas a día de hoxe por persoal propio da Consellería de Medio Rural, non entendendo entón por que se duplica esta tarefa e se ofrece ó sector privado. Podería quedar aquí unha porta aberta para absorber funcións do persoal da Xunta e incrementar así as tan cobizadas horas de voo.

Lembramos que a CIG xa denunciou pola vía penal no ano 2012 este tipo de contratos estando a día de hoxe pendente de resolución xudicial. Así mesmo o movemento que xerou esta denuncia trouxo como consecuencia un informe do tribunal de contas onde reflectía de forma clara irregularidades nos procesos contractuais.