É necesario convocar o concurso de traslados de persoal laboral, polo que hai que desbloquear a “racionalización” de categorías de inmediato. Pero tamén hai que abordar os demais concursos, como o de administración especial (mesma antigüidade, 2012, que o de laborais) e algúns de escalas que teñen aínda máis antiguidade. Como novidade, pretenden substituir os actuais “méritos específicos” que teñen algúns postos na RPT por unhas “áreas funcionais”, que terían os mesmos efectos pero que non requirirían certificación previa aos concursos; estamos a estudalo, pero de entrada fainos a mesma graza que os méritos específicos (ningunha).

A funcionarización establecida pola Lei de Emprego Público de Galiza (incluíndo a recente modificación pola Lei de acompañamento aos orzamentos de 2017), non pode executarse sen o previo concurso de traslados e a publicación dun decreto de equivalencias entre categorías e escalas, así como clarificar outros aspectos.

A consolidación de emprego pendente ten que executarse dunha vez. Parece que agora hai impedimentos legais á consolidación da primeira parte, polo que é preciso atopar unha solución.

A segunda actividade é algo necesario. O prioritario é sacar do contacto directo co lume antes de que chegue este verán aos traballadores e traballadoras de incendios de máis de 60 anos. Unha vez resolto isto, queda estudalo para outras escalas/categorías.

Estas son unhas ideas principais dentro dunha chea delas. Supoñemos que nos vindeiros días teremos novas, pois está todo por definir. Pola parte que nos toca, estaremos alerta.