Mentres, o persoal integrado na AMTEGA pasa por todo tipo de malos tratos da Xerencia e da Dirección. Seguimos á espera de que nos reúnan para tratar:

  • Homologación salarial do persoal laboral informático. Situación que se remonta ao ano 1993 e que os representantes da CIG expuxeron reiteradamente en varias reunións cos representantes da AMTEGA e da Xunta, sen que até o momento eses responsábeis teñan convocado unha reunión para chegarmos a unha solución definitiva.
  • Concurso de traslados. O último resolveuse o 02/04/2014, hai xa tres anos. Teremos que esperar oito anos coma a vez anterior?
  • Teletraballo. Seguimos igual neste tema. Ás persoas que solicitaron até tres xornadas por semana só se lles concede unha. Isto xa chegou á institución do Valedor do Pobo.
  • Centros de destino na RPT. Solicitamos a modificación da RPT para crear diferentes centros de destino, de xeito que reflicta a realidade das variadas localizacións e a dispersión do persoal, sobre todo no caso de Santiago de Compostela.
  • OPE Informática. Ausencia e non convocatoria de postos de informática nas últimas OPE da Xunta. Mentres noutras administracións se incrementou a oferta nos últimos anos, na Xunta é inexistente. Por exemplo, na AGE convocáronse nos últimos tres anos máis de 700 postos de persoal informático.

E poderíamos seguir con máis cousas como: centros de traballo nos que o persoal informático está amoreado, con humidades e cambios de temperatura brusca; oferta formativa específica escasa; funcionarización do persoal laboral informático; creación do grupo B; contratación externa salvaxe das tarefas do persoal informático en empresas amigas...<ironic> Pero tampouco hai que ser avariciosos e deixarémolo para o décimo aniversario! </ironic>

Desde a CIG seguiremos loitando para revindicar os dereitos de todos os traballadores da AMTEGA e dignificar o traballo do persoal informático da xunta.