No DOG do 19/05/2017 publican a convocatoria das axudas á conciliación da vida familiar e laboral para os homes e familias monoparentais que, entre o 1 de maio de 2016 e 31 de maio de 2017 teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas.

Poderán beneficiarse os homes e as familias monoparentais que, como medida de fomento da corresponsabilidade, se acollan á redución da xornada para conciliación da vida familiar e laboral entre as referidas datas para o coidado dun fillo ou filla menor de 3 anos (ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida superior ou igual ao 33%).

Así mesmo poderán acollerse a esta axuda os traballadores que adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido máis de 3 anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

Prazo de presentación: un mes dende o seguinte ao da publicación no DOG.