Roberto Varela Gestal, Secretario Nacional da CIG-Autonómica, co enderezo válido para os efectos de notificacións indicado na cabeceira deste escrito e no correo electrónico autonomica@cigadmon.gal, en nome e representación desta organización sindical,

 

EXPÓN, que,

 

  • Mediante Instrución 8/2017 do 30 de maio de 2017, conxunta da Secretaría Xeral Técnica e da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se regulan as funcións a desenvolver polo coidadores de NEES nos comedores escolares existentes nos centros de Ensino Público, estes centros directivos da Conselleira de Cultura, Educación e OU, regulan as condicións de traballo dunha categoría de persoal laboral do V Convenio Colectivo Único da Xunta de Galiza, SEN NEGOCIALAS previamente.

  • Esta instrución, contravén ademais o disposto no DECRETO 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación, en determinados aspectos, eximindo as empresas de cátering de organizar e prestar de xeito exclusivo os labores de atención e coidado dos alumnos nos comedores e cargando ese traballo sobre o persoal coidador da Xunta de Galiza.

  • Atribúe ademais funcións impropias a este colectivo, de convenios colectivos que nin son propios nin son de orixe, nin dispoñen o citado, tal e como é o antigo Convenio Colectivo do Ministerio de Educación.

  • Fomenta a división entre o colectivo recorrendo a envexa como argumento irracional para falar de agravio entre os compañeiros/as que prestan os seus servizos en comedores públicos fronte aos que non teñen que facelos por estar privatizado o comedor.

  • Utiliza un tono laudatorio do persoal coidador e das funcións e tarefas deste persoal como elemento de importancia relevante, non para recoñecelo laboral ou profesionalmente, senón so para atribuírlle o traballo que tiñan que facer as empresas de catering.

 

Por todo isto SOLICITA,

 

  • Que se deixe sen efecto a instrución.

  • Manter unha xuntanza con vostedes co fin de levar ao ámbito correspondente materias propias da negociación colectiva.

  • Informarlles que de non ser así nos reservamos o dereito a emprender as accións legais que estimemos oportunas.

 Compostela, 9 de xuño de 2017

 O secretario nacional da CIG-Autonómica

 

Roberto Varela Gestal

 Secretaría Xeral Técnica

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos – Consellería de Cultura, Educación e O.U.

San Caetano s/n

SANTIAGO DE COMPOSTELA