Outras informacións e conflitos xerais

A XUSTIZA RECOÑECE QUE A XESTIÓN DOS HELICÓPTEROS CONTRA INCENDIOS DA XUNTA É ILEGAL PERO ARQUIVA A DENUNCIA PRESENTADA A INSTANCIAS DA CIG

Nun exercicio de surrealismo xudicial, o titular do Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela vén de arquivar provisionalmente a causa aberta a raíz da denuncia que a CIG presentou na Fiscalía no ano 2012 pola adxudicación a dedo da contratación do servizo de helicópteros e brigadas as empresas Inaer e Natutecnia, respectivamente. Denuncia que posteriormente víuse refrendada polas irregularidades que o Consello de Contas detectou nese e noutros contratos nos que o denominador común é a presencia en todos eles de Inaer.

Pese a recoñecerse no auto que a Xunta cometeu unha ilegalidade na citada contratación, a Xustiza non ve indicios de prevaricación e limita as posibles responsabilidades ao ámbito administrativo.

O xuíz utiliza como argumentación para xustificar a adxudicación a Inaer a excepcionalidade do momento e o feito de que esa empresa xa fora a adxudicataria nos concursos anteriores e posteriores ao do ano 2012, mais obvia un detalle moi importante. Nese ano 2012, por primeira vez, o contrato contemplaba o Servizo integrado de helicópteros e brigadas, aspecto este último totalmente novedoso con respecto aos contratos anteriores.

Nese senso, na denuncia da CIG anunciabamos con case un ano de antelación a adxudicación a dedo a Inaer do servizo dos helicópteros e a “subcontratación” do servizo das brigadas a Natutecnia, como así aconteceu. Este último aspecto é crucial porque ata ese momento as brigadas eran propias do Servizo de Prevención e de Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF).

A CIG non comparte en absoluto o disposto no auto xudicial e considera que a “subcontratación” das brigadas á empresa Natutecnia non ten cábida na argumentación do xuíz, polo que si poderiamos estar a falar dunha suposta prevaricación.

A irregularidade que xustifica o xuíz é froito tamén da improvisación e da incompetencia dun goberno galego que acostuma a facer gala da súa suposta boa xestión do público, cando na realidade é todo o contrario. Este é un exemplo máis da ruinosa xestión que o goberno do Partido Popular está a facer dos servizos públicos e cuio responsable último é o presidente Feijóo.

A CIG considera que o auto xudicial é un despropósito sen sentido que deixa quedar moi mal parada a unha institución como é a Xustiza, que debera velar polos intereses xerais dunha cidadanía que cada vez mira con máis receo as súas actuacións. Co arquivo desta causa estase a amparar unha fraude e un calote á cidadanía galega.

A pregunta que dende a CIG nos facemos é que leva a unha administración como a Xunta de Galiza a cometer unha ilegalidade como a que quedou demostrada neste auto. Cal é explicación da motivación dunha conducta ilegal? O posible enriquecemento persoal dos responsábeis? O suposto pagamento de futuras portas xiratorias? O posible financiamento ilegal do Partido Popular, como se está demostrando noutras comunidades autónomas do resto do Estado?

A CIG fai unha denuncia pública e amosa o seu total rexeitamento a este despropósito e, ao tempo, solicita que a Fiscalía recurra o arquivo desta causa e se diriman todas as responsabilidades tanto penais como políticas en forma de cese ou dimisión dos responsábeis desta ilegalidade e, en última instancia, do propio presidente Feijóo.