O obxecto do mesmo non é a implantación do sistema de control horario Kronos, senón a vulneración do establecido no V Convenio Colectivo xa que na maior parte destes centros de traballo había pactos entre os representantes dos traballadores e as direccións dos centros para o establecemento dun horario ou xornada distinta da regulada no artigo 18.1. do V Convenio.

A implantación dun novo horario esixe a negociación cos representantes legais dos traballadores; negociación que non existiu xa que dun día para outro mudouse a xornada semanal e os horarios.

Dende a CIG, aínda discrepando do sistema de control horario Kronos polo seu custo económico e pola utilización perversa do goberno do PP xa que na súa implementación utilizou á prensa subvencionada para demonizar aos/as empregados/as públicos/as ao acusalos de incumprimento da xornada laboral, entendemos a obriga de desenvolver a totalidade da xornada. Pero tamén amparamos o dereito daqueles traballadores que, vía negociación colectiva, gocen dunha xornada inferior a máxima establecida.

O conflito colectivo non é unha xudicialización das relacións laborais

Coa presentación do conflito colectivo queremos que, amparando o dereito dos traballadores que teñan unha xornada inferior a máxima, serva para a negociación das condicións de traballo dos empregados públicos cara a derrogación da Lei 1/2012 que suspendeu o descanso adicional polo traballo en domingos e festivo e tamén para a derrogación da suspensión do artigo 19 do V Convenio que permitía o descanso semanal de dous días continuados.

Está a pelota, polo tanto, no tellado da Xunta: o conflito colectivo está en marcha e só un acordo que restitúa a situación o vai poder evitar.