Outras informacións e conflitos xerais

A CIG-Autonómica en Lugo, a teor da situación vivida hai poucos días por unha cidadá que se sentiu indefensa para exercer o seu dereito ao emprego do uso da lingua propia de Galiza no seu trato coa Administración así como en calquera ámbito da súa vida, quere manifestar o seguinte:

  • Que é máis que evidente a desprotección da lingua galega no noso territorio. Diso dan boa conta as estatísticas dos últimos anos nas que se aprecia unha alarmante perda do número de falantes especialmente na nosa xuventude.
  • Que a Administración galega non ten o máis mínimo interese en potenciar e en defender o uso normal e cotián da lingua propia deste País, e que non toma ningunha medida para frear a sangría do número de falantes.
  • Que os cidadáns e as cidadás teñen o dereito ao emprego do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coas administracións públicas.
  • Que a situación vivida hai uns días no edificio administrativo da Xunta de Galiza en Lugo vén a demostrar a situación de menosprezo que soporta o galego por parte da Administración Autonómica e as poucas intencións que ten de que sexa corrixida.
  • Que é evidente que se está a incumprir sistematicamente a Lei 3/1983 do 15 de xuño, de normalización lingüística, que foi aprobada por unanimidade e cun consenso total, no Parlamento de Galiza pero que a día de hoxe non se pon en práctica para defender e potenciar o emprego do idioma galego.

E todo isto, sen ter en conta o terrible futuro que lle espera á nosa lingua se temos en conta as actitudes da Administración no ensino, onde é máis que palpable a perda de falantes que se xeran por decisións políticas que atacaron sen piedade o emprego do galego nas aulas e que se empeza a percibir nunha seria dificultade do alumnado para poder expresarse nesta lingua. Para comprobalo, abondaría con achegarse a calquera patio do recreo de calquera cidade galega e en calquera centro de ensino e escoitar en que lingua se fala e cal é o uso real da lingua á que teñen que defender por lei as persoas que gobernan a Xunta de Galiza. Estamos diante da aniquilación da lingua galega por obra e graza dunha parte da clase política.

Mentres os gobernantes da Xunta de Galiza se preocupan porque en Cataluña os pais e as nais poidan elixir a lingua vehicular que queren para os seus fillos, en Galiza négasenos o dereito a facer o que si piden para aquel país. Onde está a casa que podemos marcar os pais e nais para elixir que nosos fillos e as nosas fillas reciban o ensino en galego como se reclama para o castelán en Cataluña? Temos menos dereitos ou a nosa lingua é menos valiosa ca outras? U-lo noso dereito á democracia e libre elección?

Por todo isto, o menosprezo á nosa lingua é cada vez maior en Galiza e a situación vivida o outro día no edificio administrativo sería evitable se a Administración galega cumprise coa súa misión.

A Xunta de Galiza está acadando os seus obxectivos de aniquilación da lingua galega a pasos axigantados, máis rápido do que eles mesmos auguraban. Incúmprese a lei sistematicamente e onde habería que prestar apoio e protección póñense valos e chanzos para o seu exterminio.

Desde a CIG-Autonómica queremos manifestar o noso compromiso infinito coa lingua de Rosalía de Castro e de Castelao, coa lingua que o noso Pobo defendeu e conservou para que, como dicía Cunqueiro poidamos gozar dela cando menos durante mil primaveras máis.