Outras informacións e conflitos xerais

A ninguén se lle escapa que os paros e as mobilizacións que vimos de facer, son dunha dimensión nunca antes vista, onde milleiros de galegas, ao igual que no resto do Estado e do mundo, saímos á rúa a defender os nosos dereitos.

E entre todas as que saímos á rúa estábamos as empregadas públicas da Xunta de Galiza e das demais administracións, que participamos nos paros reivindicando a igualdade de oportunidades ou o dereito a vivir sen violencia.

Vendo o éxito masivo das mobilizacións, de xeito vergonzante o Partido Popular e Ciudadanos, foron facendo declaracións demagóxicas nos medios para non quedar fora de xogo intentando sumarse ao carro e cambiando o discurso rancio de horas antes.

Pero xustamente antes onde estaban as mulleres do PP e Ciudadanos? E as nosas compañeiras de CSIF? onde estaban cando o clamor popular a prol da igualdade enchía as nosas prazas e rúas?

Que pena e que tristura que estas compañeiras non se sumasen aos paros e mobilizacións e preferisen refuxiarse na caverna xunto co Partido Popular e Ciudadanos, os mesmos que nos negan os dereitos, que negan a brecha salarial, que negan a igualdade de homes e mulleres, que nos restrinxen nas Administracións os dereitos de conciliación, que financian con cartos públicos ás mafias antiabortistas... que pena compañeiras, que elixades eses compañeiros de viaxe.