Para a CIG resulta absurda a existencia da escala de gardas de recursos naturais ao tempo que existe a escala de axentes forestais (a extinguir). Pensamos que esta última ben podería servir para unha futura integración voluntaria dos actuais vixiantes, proceso que debe ser posterior ao cumprimento do acordo do 2008, e revisando as funcións no seu conxunto.

Trala intervención dos demais sindicatos e a resposta de Medio Ambiente, queda claro que a Administración desbota a proposta da CIG. Medio Ambiente só acepta falar sobre a retirada ou non da función de “policía” dos futuros gardas de recursos naturais. Ante a imposibilidade de avanzar na proposta da CIG, propómoslle un cambio da actual redacción, da segunda función da escala, que quedaría do seguinte xeito: “Custodia da riqueza ictícola e cinexética así como dos espazos naturais, formulando as denuncias que procedan no seu ámbito, actuando como policía en colaboración e auxilio cos axentes forestais e medio ambientais”.

Ao noso entender, e conscientes de que non vai satisfacer totalmente a ningunha das partes, o cambio proposto podería salvagardar os intereses de todos e todas.