Outras informacións e conflitos xerais

O luns día 7 de maio ás 11:00 h diante dos edificios administrativos da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo

A CIG, xunto cos sindicatos de Xustiza que se manteñen no comité de folga, convoca concentracións para o vindeiro luns día 7 de maio, ás 11:00 horas, diante dos edificios administrativos da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, en solidariedade cos compañeiros e compañeiras de xustiza. Nas mobilizacións, que coinciden co día no que se cumprirán os 3 meses de folga -90 días-, demandarán da Xunta de Galiza a negociación final do seu acordo retributivo, para que se poña fin ao conflito.

A CIG responsabiliza ao Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola actitude “incendiaria” que mantivo desde que comezou este conflito. Nese sentido exixe que se sente a negociar na mesa e que “poña por diante os intereses da xente, fronte os intereses do seu partido”. Negociar non é unha opción, senón unha obriga, tal e como se recolle no Lei de Emprego Público de Galiza. Por iso reiteramos que se poña a negociar ou que dimita.

Ademais demandamos do vicepresidente da Xunta que pare xa de tentar criminalizar ás persoas que exercen o seu dereito constitucional á folga e asuma os resultados dunha votación que foi el mesmo quen promoveu. Se quere buscar delincuentes, non ten máis que mirar para dentro do seu partido.

A CIG fai un chamamento a sumarse a estas concentracións en solidariedade cos traballadores e traballadoras do sector da Xustiza que deron durante estes tres meses unha lección de dignidade e resistencia a toda a clase traballadora galega.