Outras informacións e conflitos xerais

Seis meses despois da proposta da CIG para o persoal laboral, os sindicatos CCOO e UGT súbense ao carro reivindicativo. Benvidos.

Ante a pasividade do resto de sindicatos, en decembro de 2017 a CIG solicitou a Función Pública a apertura inmediata dunha mesa de negociación co fin de dar cumprida resposta ás lexítimas reivindicacións do persoal laboral da Xunta de Galiza. En tanto non se recuperasen todos os dereitos roubados coa castración do V Convenio, esa solicitude de negociación ía acompañada dunha proposta de acordo para o persoal laboral que contemplaba os seguintes puntos:

DESCANSO SEMANAL: 60 horas ininterrumpidas (48 horas de descanso + 12 horas entre xornadas)

FINS DE SEMANA E FESTIVOS: Garantía de que se librarán de xeito efectivo a metade das fins de semana e dos festivos en cómputo anual.

COMPENSACIÓN POR TRABALLO EN FIN DE SEMANA: 16 días hábiles de libre disposición.

DÍAS DE ASUNTOS PROPIOS: Garántese o goze dos mesmos días de asuntos particulares que o persoal funcionario e laboral que traballa en oficinas administrativas.

COMPLEMENTO DE ESPECIAL DEDICACIÓN: Este complemento debe ser incrementado en 150 €/mes, cantidade que equipararía o que cobra o persoal laboral que traballa as 24 horas do día os 365 días do ano co que cobra o persoal funcionario que ten unhas condicións semellantes (aínda que en ningún caso tan gravosas).

Na CIG alegrámonos de que agora, seis meses despois da nosa proposta, UGT e CCOO amosen un repentino interés por negociar, polo que dámoslle a benvida á loita polo recuperación dos dereitos roubados ao persoal laboral. Como din nos madriles, "nunca es tarde si la dicha es buena".