A CIG non vai entrar no xogo de darlle unha pátina de lexitimidade ás actuacións da Xunta porque non hai unha verdadeira vontade negocial. Isto maniféstase en que nin sequera desenvolven o acordo asinado en Madrid o 9 de marzo en temas como as 35 horas ou eliminar os descontos por incapacidade temporal. Só tocan tres dos seis puntos: “mellora retributiva”, “plan de estabilización” e oferta de emprego público 2018. Por un lado, Feijóo recortou ao persoal público máis que ningunha outra Administración para vender o seu "milagre económico" e polo outro pon enriba da mesa só unha parte do asinado en Madrid polos seus compañeiros de partido. Isto cómpre cualificalo do que é: ridículo.

Acordo de modernización da administración galega

Fronte a isto a CIG presenta unha contraproposta na que se contemplan cuestións “de mínimos” como:

• Recuperar o complemento por Incapacidade temporal (IT) do 100%.
• Eliminar a taxa de reposición e vincular os cadros de persoal ás necesidades reais e á carga de traballo do persoal para garantir a atención dos servizos públicos, fuxindo da subcontratación e das chamadas asistencias técnicas.
• Recuperación do poder adquisitivo e vincular os incrementos salariais ao IPC.
• Negociación da carreira profesional.

A respecto desta última cuestión a CIG lembra que as traballadoras e traballadores da administración autonómica viron deteriorado o seu poder adquisitivo nun 13,20% de media. Por iso non podemos admitir un aumento salarial referenciado ao incremento do PIB e non ao IPC.

Por outro lado, este acordo entra en contradición coa prédica doutros sindicatos de que hai Administracións que cobran incluso un 55,81% máis (como o Parlamento de Galiza) ou o 53,78% (como outras CCAA) e que instan á Xunta a homologarnos con elas. Se isto é así, por que os sindicatos asinantes de todos estes acordos, especialmente do acordo de ámbito galego, non recollen esa homologación?

A CIG defende ademais a necesidade de que se aborde un verdadeiro acordo de modernización da Administración galega noutros aspectos nos que a Xunta de Galiza “aínda vive na idade de pedra” respecto a outras Administracións. Neste sentido sinalamos aspectos como o desenvolvemento obxectivo dunha carreira profesional, os concursos permanentes ou rematar co caciquismo nas comisións de servizo. Consideramos necesario elaborar un acordo moito máis ambicioso pois moito máis ambiciosos foron os recortes e de moito máis atrás partimos en cuestión de carreira profesional.


Plan de estabilidade e oferta de emprego público

Este é o enésimo acordo sobre mellora de emprego e sobre estabilidade e non se aprecia nengunha mellora respecto aos anteriores, aínda sen concretar e sen executar. Recapitulamos:

• 2017-MARZO: Acuerdo para la mejora del empleo público, de 29 de marzo de 2017.
• 2017-OUTUBRO: Acordo entre a Xunta de Galiza e as organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF para o desenvolvemento dun plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos, de 18 de outubro de 2017.
• 2018-MARZO: II Acuerdo para la mejora del empleo público y las condiciones de trabajo, de 9 de marzo de 2018.
• 2018-XUÑO: Proposta de ampliación do Acordo do 18 outubro 2017.


Asinan acordo tras acordo e reúnen subcomisión tras subcomisión sen resolver nada, sen ofertar nada e sen convocar nada, xogando coas expectativas de moita xente que espera que se convoquen procesos selectivos de estabilización ou que se desenvolvan procesos de promoción interna dignos de tal nome. As taxas de temporalidade seguen na Administración xeral da Xunta de Galiza no 25% e no persoal laboral dispáranse preto do 40%.

Proponse tamén no borrador do acordo unha taxa de reposición que só poderá superar o 100% en determinados sectores e baixo determinadas circunstancias económicas. Recordamos que a taxa de reposición considera só a cobertura dos postos por xubilación, ou sexa que como moito estariamos mantendo os niveis de profesionais públicos que se xubilan e sen chegar a recuperar os varios centos que eliminaron nestes últimos 8 anos.

Finalmente, a CIG considera que se debe superar o dito acordo de “mellora” e falar dun verdadeiro acordo de modernización da Administración galega noutros aspectos nos que a Xunta de Galiza aínda vive na idade de pedra respecto a outras Administracións: o desenvolvemento obxectivo dunha carreira profesional, os concursos permanentes ou rematar co caciquismo nas comisións de servizo. Así pois, consideramos necesario elaborar un acordo moito máis ambicioso pois moito máis ambiciosos foron os recortes e de moito máis atrás partimos en cuestión de carreira profesional. Deste acordo daremos debida conta coas traballadoras e traballadores da Administración xeral da Xunta de Galiza, a quen chamamos a defensa e mobilización dos seus dereitos.