[..] a Xunta de Galicia presentará unha proposta á Comisión de seguimento do presente acordo para o desenvolvemento dun plan para o establecemento de outras xornadas efectivas anuais inferiores para o persoal con xornadas a quendas, nocturnas ou especialmente penosas. Unha vez oídos aos membros da devandita comisión elevarase a dita proposta á Mesa Xeral de Negociación. [..]

E para a CIG, o texto debería sinxelamente dicir:

A xornada de traballo xeral na Xunta de Galiza e nos seus entes instrumentais computarase en contía anual e suporá un promedio semanal de 35 horas, sen prexuízo das xornadas especiais.

INCAPACIDADE TEMPORAL

O mesmo acontece coa incapacidade temporal. Se no Acordo de Madrid CCOO, UGT e CSIF renunciaron a que con carácter xeral se establecese un complemento do 100% para as incapacidade temporais derivadas tanto de continxencias profesionais como comúns, nesta proposta de ámbito galego a Xunta coloca aos asinantes nunha situación humillante ao non aceptar o 100% e remitirse unicamente a “...confeccionar propostas...”, “reunir á comisión de seguimento...”, “escoitar ás organizacións sindicais...”, e bla bla bla. Pero feitos CERO.

O texto do Acordo di:

No seo da comisión de seguimento do presente acordo confeccionarase unha proposta para a súa negociación na Mesa xeral de empregados públicos na que se determinen: a) as retribucións que vaia a percibir o persoal en situación de incapacidade temporal ... A articulación desta medida poderá, no seu caso, establecer diferentes escenarios retributivos en función do tipo de continxencia que dese lugar á incapacidade temporal ou da duración da mesma [..]

E para a CIG, o texto debería sinxelamente dicir:

Nos casos de continxencias profesionais e continxencias comúns aboarase un complemento ata alcanzar o cen por cento das retribucións desde a data de inicio da situación de incapacidade temporal.

Para a CIG os acordos que non obrigan son papel mollado. Creemos que cada Administración debe negociar as súas condicións de traballo, pero si existe unha normativa básica que se utilizou para recortar, tamén esa normativa básica se debe utilizar para recuperar dereitos. O Acordo de Madrid e quen o asinaron renunciaron a iso. Agora, atrapados nunha situación vergonzosa, son incapaces de dar unha solución digna ao desastre que crearon.

Mentras a ministra anuncia que o persoal empregado público da Administración Xeral do Estado vai cobrar o 100% das incapacidades temporais, a Junta de Andalucía establece a xornada semanal de 35 horas e o goberno vasco acorda unha suba salarial máis alá do 1,75% e permisos de paternidade e maternidade de ata 20 semanas, aquí a Xunta xoga a retardar e adiar calquera avance. E máis agora que poden xogar á contra ao cambiar o goberno do Estado e ademais tendo o aval de CCOO, UGT e CSIF que asinaron un acordo cheo de medidas de carácter potestativo e non obrigatorio para as administracións.

Para a CIG, calquera acordo ao que se chegue, ten que recoller estas melloras e ten que establecer a obriga de que o goberno galego remita un proxecto de lei ao Parlamento para modificar a Lei de emprego público onde están consolidados estes recortes.

Non lle imos dar validez á pantomima de negociación nin a máis cronogramas que non se cumpren. Queremos que se fagan efectivos os nosos dereitos e o querémolo xa.