O centro de atención a persoas maiores de Taboadela xestionado pola Administración Pública, tivo que pechar o centro de día, na tarde do xoves 26 de Xullo, debido a falta de persoal. En concreto, adiantou o horario de peche en catro horas, facéndoo de xeito drástico ás 15:00 por non ter persoal, cando o horario de peche é das 19:00 horas. Esta situación acontece por non substituir de xeito sistemático ao persoal que está a desfrutar das súas vacacións ou permisos.

Despois de levar dende o inicio do verán cunha sobrecarga de traballo importante debido á ausencia da cobertura tanto de vacacións como doutro tipo de permisos, os traballadores e traballadoras co apoio da dirección do centro decidiron esta drástica medida xa que é inviable unha boa atención os usuarios con semellante mingua do persoal.

Dende a CIG levamos esixindo o Consorcio Galego da Igualdade e Benestar dende fai tempo a apertura das listas de contratación para a cobertura temporal de postos e así poder subsanar esta situación anómala, tanto para o persoal no correcto desempeño das súas funcións, como para que as persoas usuarias teñan a axeitada atención. Non se entende como se poden dar estas circunstancias xa que este persoal ten pedidas as súas vacacións en tempo e forma dende finais de marzo.

A CIG e os traballadores esiximos que de forma inmediata se cubra esta falta de persoal pra que o centro poida abrir as súas portas como de costume e poder disfrutar os usuarios/as a atención que merecen.