Pero non abonda. Aínda que quedemos en solitario a CIG mantén o pulso:

  • Non estamos dispostos a aceptar incrementos retributivos que non garantan o mantemento e incremento do poder adquisitivo. Por exemplo, no ano 2018 a suba vai ser inferior ao IPC. Demandamos por tanto unha cláusula de revisión salarial.
  • Está moi ben discutir os colectivos para os que se pode establecer unha xornada inferior a 37,5 horas semanais. A CIG está conforme en estudar todos os casos, pero partindo da xornada máxima de 35 horas para todos e todas.
  • Esiximos a derrogación inmediata da lei 1/2012 de medidas temporais que supuxo a suspensión de varios artigos do V Convenio colectivo, entre os que destaca o artigo 19, que castiga especialmente ao persoal que presta servizos en centros asistenciais de Política Social.
  • Queremos recuperar o Fondo de Acción Social.

En canto á carreira profesional, non podemos aceptar propostas por debaixo das doutros colectivos, o que na práctica se traduce na existencia de empregados públicos de primeira e de segunda:

  • Os fondos consignados son insuficientes e os tramos para a percepción do complemento non son os acaídos, a parte de que todo está supeditado á dispoñibilidade orzamentaria, polo que a carreira profesional non está plenamente garantida.
  • Non estamos conformes coa calendarización proposta. O período de carencia e incremento paulatino é ridícula. Agardar ao ano 2027 para o cobro do 100% da cantidade do grao asignado é unha tomadura de cabelo.
  • O período para acadar o grao 4 vai ser imposíbel de conseguir para moitos dos traballadores/as a pesares de contar coa antigüidade necesaria.
  • O persoal laboral queda fóra da carreira profesional.
  • A súa concesión está vinculada a factores totalmente subxectivos (podería ser un informe favorábel do superior xerárquico) e fóra do control sindical.

Finalmente, diante da presión e da negativa da CIG, a negociación do acordo de mellora de emprego e condicións de traballo queda para setembro. E con elo tamén a negociación da carreira profesional. Non podía ser doutro xeito, non era aceptábel meter con calzador e ás agachadas un acordo de tanta repercusión nas condicións de traballo do persoal funcionario e laboral.

Por agora a cousa fica parada, mais Función Pública xa amosou a chantaxe á que quere someter aos sindicatos. Nunha actitude claramente mafiosa, Función Pública ameaza aos sindicatos que non asinen con quedar fóra do acceso a unha chea de información e negociacións. Pero aínda que nos implique custes como sindicato, a CIG non vai tragar con migallas. Só asinaremos se o acordo é netamente positivo. E cada quen que asuma a responsabilidade dos seus actos.