Ante a falta de resposta por parte de Función Pública ao noso escrito do mes de xuño de convocatoria urxente da Comisión de Seguimento do Acordo de Integración para desbloquear os continuos incumprimentos ao respecto das listas de contratación e da implementación da RPT, a CIG solicitou a Mediación do AGA (Acordo sobre solución extraxudicial de conflitos colectivos de traballo) prevista no Acordo. A ver se neste caso son capaces de cumprir có que está escrito.

O acontecido neste verán coas substitucións das vacacións nos centros de maiores e a cobertura nos novos centros é un síntoma claro da extrema necesidade de contar cunhas listas de substitucións transparentes, abertas e áxiles; que o Director Xeral da Función Pública cumpra co seu compromiso de integración nas Listas de substitución da Xunta de Galiza xa.

O inmobilismo e a chapuza seguen a imperar no funcionamento diario do Consorcio; como traballadores/as necesitamos que dunha vez por todas se solucione a situación continua de precariedade e seguridade xurídica que levamos padecendo dende a creación do Consorcio e que a sinatura do Acordo pretendía solucionar.

Agardamos que unha persoa allea sexa capaz de arbitrar o cumprimento do Acordo asinado, e se isto non é así, daremos por roto o acordo por incumprimento da Administración e non permitiremos que Función Pública e o Xerente se burle das/os traballadoras/es do consorcio. Polo que pedimos o seu cese ou dimisión inmediata ante esta situación.