A Xunta de Galiza preséntanos unha nova proposta case sen variación respecto as anteriores, unicamente cun pequeno trasvase da masa salarial da produtividade ao complemento específico (60 €/mes en 3 anos), como consecuencia das medidas de presión exercidas polo persoal afectado, en folga indefinida convocada por CIG e UGT, dende o 1 de agosto. Porén a dirección xeral de Función Pública e as consellerías non atenden ás propostas de acción social e mellora do servizo e seguen intentando paliar a falla de persoal con “mobilidade funcional” entre consellerías.

Dende a CIG voltamos a esixir a negociación destas condicións de traballo con multitude de propostas no documento de alegacións, para o que compre:

  • Posibilitar a conciliación persoal, familiar e laboral coa flexibilización horaria.
  • Instar o estudo para a aplicación dos coeficientes redutores para a xubilación.
  • Limitar a mobilidade funcional que evite o desmantelamento efectivo do servizo de conservación e minimice a vinculación entre incendios e retribución extraordinaria (produtividade) coa creación de persoal mercenario ao servizo da extinción. Dignificar todas as tarefas que se realizan sen prexuízos, moitas cunha esixencia física ou estres equiparable a dirección técnica de extinción (DTE).
  • Atender as propostas organizativas nas adaptacións por razón de saúde.
  • Regular no acordo a segunda actividade.
  • Aumentar o cadro de persoal nas que como mínimo deben vir na RPT as prazas comprometidas polo Presidente da Xunta no Parlamento de Galiza e as BIIF.
  • Continuar co proceso acordado para o grupo B, axentes técnicos en xestión ambiental.
  • Revisar os protocolos de vixilancia da saúde aplicados e traballar nun catálogo de enfermidades profesionais.

CONTIGO E COA CIG, A LOITA CONTINÚA!!