Fronte a isto onte alcanzáronse unha serie de melloras que non terían sido posíbeis sen a mobilización continuada, iniciada o pasado mes de novembro en demanda da retirada destas propostas “abusivas”, e unha folga á que hoxe acordaron pór fin.

Melloras

Salientamos entre os avances conseguidos que a xornada máxima anual pasa das 2.000 horas que tiñan, a 1.665, coa posibilidade de reducir aínda a 1.554 ao ser traballadores/as a quendas.

Redúcense tamén o número de meses en gardas de 6 a 4; pasan a 10 horas as quendas de noite (antes estaban a 12); recoñécese o dereito a unha suba salarial progresiva en 3 anos, cun aumento de dous niveis e 60€ en tres anos polas especificidades do posto.

Isto xunto con apertura da posibilidade de flexibilización de xornada para facilitar a conciliación laboral e familiar e que será a administración que asuma os gastos de comida nas quendas de máis de 10 horas.

A Xunta pretendía poñer os períodos de garda como discrecionais. Con este acordo conséguese que a maioría queden prefixados xa do ano anterior e que a mobilidade funcional, que até o de agora era obrigatoria, pase a ser voluntaria e regulada. Comprométense a regular a segunda actividade e libranza de dous días por cada festivo traballado.

Con todo, o máis importante é que a Xunta se comprometeu a instar ao Estado a que se establezan os coeficientes redutores para a xubilación anticipada en base a penosidade, toxicidade, traballo nocturno e a quendas e a especial responsabilidade.

Cuestións pendentes

Quedan pendentes cuestións fundamentais como que se creen, cando menos, as 30 novas prazas comprometidas por Feijóo no Parlamento; que se activen as brigadas de investigación dos incendios forestais que se deixaron esmorecer para potenciar, fronte a estas de carácter técnico especializado, aos corpos e forzas de seguridade do Estado asumindo deste xeito competencias propias de Galiza.

Faltou tamén condicionar a mobilidade funcional a que primeiro se cubran as vacacións por listas de contratación e que se cren estas prazas cunha porcentaxe máxima de persoal para mobilidade funcional para non desmantelar o servizo de conservación cando se producen os incendios forestais.

Na CIG continuamos en loita para a extensión de moitos destos dereitos ao resto de persoal da administración e traballadores/as a quendas.