Outras informacións e conflitos xerais

O Tribunal Supremo ven de confirmar nunha sentenza que “as prestacións públicas por maternidade percibidas da Seguridade Social están exentas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas”, fixando esta exención como doutrina legal.

Como reclamar?

Na CIG-Autonómica animámoste a reclamar e pomos a túa disposición os modelos necesarios para realizar a solicitude de devolución. Con todo, hai que ter en conta que nos vindeiros días a Axencia Tributaria disporá na súa web dun sistema telemático de recadación do IRPF das maternidades o que vai ser máis rápido.

1º.- Exercicios fiscais 2014 a 2017, Traballadoras que cobraron prestación de maternidade nos exercicios fiscais 2014 a 2017 (declaracións presentadas nos anos 2015 a 2018):

a) Formular perante a Axencia Tributaria unha solicitude de rectificación da autoliquidación do IRPF do exercicio/s no que se declararan as prestacións por maternidade con retencións de IRPF (modelo a) ou ben agardar, ao sistema de reclamación que habilite a Axencia Tributaria.

2º.- Exercicio fiscal 2018, Traballadoras ás que lle estean a practicar retencións de IRPF pola prestación de maternidade no exercicio fiscal 2018 (declaracións que se presentarán no ano 2019):

b) Formular, perante o INSS, unha solicitude de dereito á percibir a prestación íntegra sen retención de IRPF, no resto dos meses do 2018. Aínda que temos constancia de que a Seguridade Social xa non está aplicando a retención nas prestacións de maternidade nin na de paternidade, é conveniente comprobalo antes.

3º.- Cuestións comúns para as solicitudes de rectificación e/ou devolución de ingresos que se presenten perante a Axencia Tributaria:

 • Se, percorridos 6 meses desde que se formule a solicitude de rectificación e/ou devolución de ingresos indebidos, non houbera resposta da Axencia Tributaria, entenderase desestimada por silencio. A partir de aquí disporás dun mes para interpor Recurso de Reposición ou Reclamación Económico Administrativa perante o Tribunal Económico Administrativo de Galiza.

 • Se a Axencia Tributaria resolve expresamente a rectificación e/ou devolución de ingresos indebidos, desestimándoa, quen o desexe disporá de 1 mes máis para interpor Recurso de Reposición ou Reclamación Económico Administrativa perante o Tribunal Económico Administrativo de Galiza.

 Para mais información diríxete aos locais comarcais da CIG.